Localia Pontevedra, Localia Vigo, varias delegacións de La Voz de Galicia (nas delegacións e subdelegacións de Vigo, Carballiño ...), varias delegacións da CRTVG, Radio Voz e a emisora pública do Concello de Ames. Estas son algúns dos medios de información que nas últimas semanas despediron a profesionais que se dedicaban principalmente á información local, denunciou nesta xornada o Sindicato de Xornalistas de Galicia.
O SXG critica que a vaga de despedimentos no xornalismo aumente mentres "todas as administracións miran para outro lado con total pasividade". Por outra banda, o sindicato sinala que as autoridades públicas "levan décadas entregando millonarias subvencións aos empresarios do sector sen esixirlle sequera o mantemento do emprego nas súas compañías, un trato de favor que non se produce en ningún outro sector económico".
Na pasada lexislatura o Parlamento de Galicia aprobou, a instancia do SXG, vincular as axudas públicas ao mantemento do emprego digno e ao uso real da lingua galega. "Todos os partidos con responsabilidades de goberno seguen a obviar o acordo unánime do Parlamento de Galicia", denuncia o sindicato que dirixe Santiago Montes.
Deterioro do dereito á información
A progresiva desaparición do xornalismo de proximidade preocupa ao SXG que entende que "dificulta que os cidadáns poidan exercer o seu dereito constitucional a acceder á información das actividades dos cargos públicos."
Sinala que esta eiva" é especialmente grave no referido á información sobre as autoridades locais, cuxas decisións son as que teñen un impacto máis inmediato nas vidas cotiás dos veciños." Un deterioro da proximidade informativa que deixa a súa pegada no acceso aos medios das iniciativas veciñais e locais non institucionais, seguidas habitualmente polos profesionais especializados en información local.
Chamamento ao diálogo
O Sindicato de Xornalistas fixo un novo chamamento a "todos os profesionais, empresas e organismos da profesión para abrir unha vía de diálogo co fin de atopar solucións para deter a continúa sangría de o aumento da despedimentos e da profesión".