Domingo, 19 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor Este venres concerto a prol dos medios en galego en Redondela

Este venres concerto a prol dos medios en galego en Redondela

Correo-e Imprimir PDF
Cartaz do acto en Redondela

A campaña de apoio aos medios en galego realiza este venres unha presentación-concerto en Redondela. O arpista ex compoñente de Milladoiro, Roi Casal e a cantante Silvia Ferré, actuarán antes e despois da presentación de "Vitaminas para o galego". Valminor.info estará presente no acto para falar da experiencia e problemática dos medios locais e comarcais.

O acto terá lugar a partir das 19:30 na Casa da Cultura desta vila organizado polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela .

"Vitaminas para o galego" é unha iniciativa de na que colaboran vinte medios e plataformas de comunicación na lingua propia: Galicia Confidencial, Tempos Novos, Praza Pública, Novas da Galiza, Radiofusión, Valminor.info, Quepasanacosta, Certo.gl. O Sil e Crónica3. Tamén apoian Terrachá.xa, Crónicas da comarca (Arzúa - Melide), Radio Nordé, Cadernos de Comunicación e Analise, Hermes e Atenea, Surfgz.com, Disquecool, Cabozo, de Luns a Venres e Vencello.

A campaña sumou xa máis de 5.100 euros en donativos en liña a través da plataforma Verkami, superando os obxectivos de recadación fixados inicialmente. Todo o diñeiro adícase a sufragar a propia campaña e ao mantemento económico dos medios colaboradores.

Os 140 mecenas que aportaron diñeiro reciben mercadotecnia da campaña (paraugas, etc.) e regalos ofrecidos por empresas colaboradoras. Entre as novas "recompensas" para os que contribúan nos próximos once días a través da web vitaminasparaogalego.gl. estarán produtos doados por Froitas León, queixos da denominación de orixe Arzúa Ulloa e unha fin de semana nunha casa de turismo rural.

No acto de Redondela participará Manuel Bragado, en representación da plataforma Prolingua. Bragado tamén é presidente da Asociación Galega de Editores. E Nacho Carballal da plataforma Queremos Galego de Soutomaior.

Por parte dos medios organizadores falarán Pedro Telmo ( Val Miñor.info), Marcos Pérez (Praza Pública) e Henrique Sanfiz (Radiofusión).

"Vitaminas para o Galego" naceu co obxectivo de loitar contra a desaparición de medios en galego sufrida nos últimos meses (Vieiros, Galicia Hoxe, A Nosa Terra, A Peneira, etc). Tamén pretende contribuír ao nacemento de novas cabeceiras.

A iniciativa está aberta a novas incorporacións e, de feito, dende o seu lanzamento xa sumou sete novos medios colaboradores.