Xoves, 29 Oct. 2020

Actualizado03:05:36 PM GMT

Estás en Val Miñor A Xunta dá o visto e prace ao informe ambiental que habilita o parque eólico na Serra da Groba.

A Xunta dá o visto e prace ao informe ambiental que habilita o parque eólico na Serra da Groba.

Correo-e Imprimir PDF
mapa elolico_groba

Catro anos despois da súa adxudicación, o parque eólico Albariño I a instalarse na Serra da Groba xa conta coa aprobación do informe de impacto ambiental por parte da Xunta de Galicia. O polígono afectará parte dos territorios dos concellos de Oia, Baiona, Tomiño e Gondomar. O parque constará de 11 aeroxeradores de 2.300 kW de potencia que dotarán á instalación dun total de 25,3 MW. A titular do proxecto é a empresa EUROVENTO, S.L.U. e a obra contará cun orzamento de 33.294.244,57 euros e a súa execución tería unha duración estimada de 10 meses.

 

O proxecto inicial contemplaba a instalación de 21 aeroxeradores para unha potencia total instalada de 48 MW. O mesmo foi reducido ás actuais dimensións logo dunha serie de alegacións e reclamos presentados por diversas asociacións vinculadas á protección do medio ambiente, as comunidades de montes de Barrantes, Mougás e Viladesuso, os concellos de Baiona e Nigrán, así como a comunidade de bens O Budiño, a agrupación municipal do BNG de Baiona e diversas persoas en calidade de interesadas .

Dimensións do parque eólico Albariño I

Os 11 aeroxeradores (modelo Siemens SWT 2.3-82VS) terán unha altura de buxe de 80 metros e un diámetro de rotor de 82,4 metros. Os mesmos afectarán principalmente aos concellos de Oia e Baiona (4 aeroxeradores en cada un), e parte de Tomiño (2 aeroxeradores).

Impacto na Serra da Groba

O impacto na zona non remata aí, segundo o manifestado no informe de impacto ambiental, unha subestación transformadora de 30/132 kV denominada SET Barrantes, cun edificio de control anexo dunha soa planta situarse en Oia, no seu límite con Tomiño. A evacuación da enerxía producida efectuarase a través dunha liña eléctrica de alta tensión a 132 kV, obxecto doutro proxecto, que conectará a subestación do parque coa futura LAT 132 kV Gondomar - O Rosal, de Unión Fenosa Distribución, S.A.

A obra civil inclúe a apertura duns 3.424 m de viais de acceso e servizo aos aeroxeradores e o acondicionamento, para o mesmo fin, duns 3.498 m de camiños existentes, cunha anchura de rodadura de 6 m e dotados de cunetas e drenaxes transversais para recollida e evacuación de augas pluviais. Así mesmo, escavaranse uns 10.601 m de gabias para soterrar o cableado de media tensión e de comunicacións que interconectará os aeroxeradores entre si e estes coa subestación transformadora e o edificio de control do parque, cuxo trazado discorre paralelo ao viais do parque ou a pistas ou camiños existentes sempre que resultase posible.

Fundamentos da Xunta de Galicia para dar o visto e prace.

De acordo co informe emitido pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza, a zona onde se proxecta a instalación "non ostenta actualmente ningunha figura autonómica ou estatal de protección de espazos naturais." Respecto da afección parcial do proxecto á proposta en estudo de Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) denominado "Serra da Groba", a Xunta entende que "coa eliminación de 10 aeroxeradores do proxecto inicial (e as correspondentes infraestruturas asociadas), o parque na súa configuración final non afecta á dita proposta".

Primeiras reaccións.

Diversas asociacións e afectados pola instalación do parque manifestaron no correr desta xornada que están a estudar o davandito informe para determinar futuras accións. O parque eólico foi cuestionado dende a súa adxudicación pola súa afectación visual nun enclave senlleiro do Val Miñor e de toda Galicia como é a Serra da Groba. As dimensións das súas instalacións poñerían en perigo, segundo manifestacións dos afectados, o sistema ecolóxico así como o patrimonio arqueolóxico, etnográfico e natural que agocha este enclave.