A Web facilita aos comerciantes o acceso a unha “Asesoría On-line” para realizar consultas realizar consultas rápidas a expertos da Dirección Xeral de Comercio
O novo Portal ponse en marcha en desenvolvemento da estratexia da Xunta para a dinamización do comercio en Galicia, o Plan Ágora-Agora Recomercia
O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, presentou este venres 22 de xuño o “Portal do Comerciante Galego” (http://portaldocomerciante.xunta.es), unha aplicación web pioneira en Galicia destinada a fomentar a competitividade do comercio de proximidade, ao abeiro do Plan Ágora-Agora Recomercia.
Javier Guerra salientou que este Portal “é unha ferramenta útil e accesible, con contidos especializados para impulsar a mellora competitiva do sector”.O titular de Economía e Industria destacou que “este servizo fomenta a iniciativa emprendedora e facilita a creación de novos negocios, coa posibilidade de diagnosticar a viabilidade dos proxectos”.
O Portal pon ao dispor do comerciante diferentes cuestionarios de autoavaliación, de cara a facer unha análise do seu perfil empresarial, identificando os puntos fortes do negocio e aqueles que requiren da implantación de estratexias destinadas á mellora do seu potencial como emprendedor, á hora de afrontar a creación dun establecemento ou desenvolver a súa actividade.
Guerra tamén salientou a “Consultoría On-line”, como un dos aspectos máis innovadores da aplicación, na que os usuarios poderán realizar consultas e plantexar dúbidas que serán atendidas de forma rápida por expertos da Dirección Xeral de Comercio.
Ademais, o conselleiro apuntou que a “información e formación son dúas cuestións prioritarias, na aposta pola excelencia e a modernización do comercio de proximidade de Galicia”. De xeito que neste servizo habilitouse unha biblioteca comercial, con ligazóns a revistas e publicacións especializadas, e un Calendario do Comerciante, no que se recolle información útil sobre os eventos mais importantes, neste eido.
A Web foi deseñada en seis seccións: emprendedores, comerciantes, asociacións, comercio artesán, comercio e consumo, dende as que é posible acceder á información máis axeitada, para cada eido comercial.
Segundo o conselleiro de Economía e Industria, este novo portal, que contará con presenza nas redes sociais, “exponse como un catálogo de servizos interactivos, abertos á participación permanente dos comerciantes e consumidores.