Domingo, 19 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor A Xunta prepara o novo regulamento marco dos servizos de saneamento e depuración.

A Xunta prepara o novo regulamento marco dos servizos de saneamento e depuración.

Correo-e Imprimir PDF
Agustín Hernández e Samuel Juárez participaron hoxe na xuntanza do Consello Galego de Medio Ambiente

.Multas de ata 30 mil euros para os infractores medioambientais prevé o futuro regulamento marco da prestación do servizo de saneamento e depuración da Xunta de Galicia.

.Os concellos de máis de 2000 habitantes poderán solicitar á Xunta que asuma a xestión das depuradoras.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas está a someter a información pública o regulamento marco da prestación do servizo de saneamento e depuración e o decreto de colaboración entre a Administración Hidráulica de Galicia e os concellos. Ambos se suman ao regulamento do Estatuto de Augas de Galicia, xa en tramitación. A nova foi comunicada hoxe durante o pleno doConsello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento que foi presidido polo conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, e o de Medio Rural, Samuel Juárez.

Unha vez aprobado o regulamento marco en materia de saneamento e depuración de augas, os concellos ou entidades concesionarias que levan a cabo esta xestión, terán un ano para adoptar unha ordenanza adaptada a esta nova norma.

Multas de ata 30 mil euros para infractores medioambientais.

En concreto, será aplicable o réxime sancionador previsto na Lei de Augas de Galicia, que xa prevé sancións de ata 30.000 euros por vertidos ás redes públicas de saneamento que causen danos ás infraestruturas hidráulicas ou ben ao medio receptor.

En relación dos vertidos industriais, o regulamento establece unhas condicións mínimas que deberán cumprir as acometidas que acheguen vertidos ás redes de saneamento, e que deberán ser esixidas polas entidades xestoras dos sistemas de saneamento. Elementos coma un sifón, ou unha arqueta de rexistro para o caso das industrias, serán de obrigada instalación. Os vertidos industriais deberán obter un permiso de vertido, que deberá ser outorgado pola entidade xestora como requirimento para realizar vertidos á rede pública de saneamento. Neste documento determinarase canto, cando e cómo será o vertido; en caso de que se superen certos límites, obrigarase a depurar a auga residual industrial ata chegar a eles, xa que se podería superar a capacidade dos sumidoiros ou comprometer a eficacia da estación depuradora.

Explotación das depuradoras: os concellos poderán solicitar á Xunta asuma a xestión das depuradoras.

Por outra banda, o novo Decreto de Colaboración entre a Administración Hidráulica de Galicia e as Entidades Locais establece un procedemento que guía o investimento en materia de abastecemento e saneamento da Xunta de Galicia, así como o proceso polo que esta administración, a solicitude dos concellos, poderá asumir a explotación das estacións depuradoras de augas residuais.

Determínase o modo de tramitación das obras que se declaren como de Interese da Comunidade Autónoma, unha posibilidade novidosa da Lei de Augas de Galicia que equivale á figura das obras de interese xeral do Estado, e que permitirá unha máis áxil execución de actuacións de especial relevancia.

Pero a maior novidade é o desenvolvemento dun modelo viable no que as entidades locais poderán solicitar á Xunta de Galicia a explotación das depuradoras de augas residuais, unha medida que "pode axudar a evitar as carencias técnicas ou económicas que diminúan a eficacia dun servizo esencial e que necesita dunha certa especialización técnica" afirma o documento plenario.

Con esta medida trátase de resolver un problema histórico en Galicia. Segundo un informe de Augas de Galicia, das 104 estacións depuradoras de augas residuais (EDAR) explotadas polos concellos das que se teñen datos, nun 40% non acadan un nivel aceptable de explotación. Así, a Xunta de Galicia poderá explotar máis de 150 depuradoras con capacidade para tratar poboacións de mais de 2.000 habitantes, cando o concello así o solicite. Nestes momentos a Xunta xestiona 23 instalacións deste tipo.