Domingo, 19 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor Feijóo: “A Autonomía é a casa común dos galegos.

Feijóo: “A Autonomía é a casa común dos galegos.

Correo-e Imprimir PDF
Núñez Feijóo presidiu o acto de entrega das Medallas de Ouro do Consello Consultivo de Galicia aos primeiros conselleiros desta institución

." O Galeguismo xa non é unha construción teórica, senón que se asocia coa nosa vontade democrática”

. “Partindo de moitas Galicias, logramos facer unha”, subliña o presidente galego recalcando que “da mesma maneira, partindo de diferentes sensibilidades, o Consello Consultivo logra alumear a nosa actividade lexislativa”

.Núñez Feijóo presidiu o acto de entrega das Medallas de Ouro do Consello Consultivo de Galicia aos primeiros conselleiros desta institución

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a autonomía “como a casa común dos galegos”. “Aínda que a súa lexitimidade atope raiceiras no pasado, a súa principal fortaleza está no presente. A autonomía permítelle aos galegos ser como queren ser, e gobernarse como queren ser gobernados”, salientou o titular do Goberno galego quen remarcou que o galeguismo xa non é unha “construción teórica, senón que se asocia coa vontade democrática dos galegos”.

Núñez Feijóo presidiu o acto de entrega das Medallas de Ouro do Consello Consultivo de Galicia aos primeiros conselleiros desta institución –José Antonio García Caridad, José María Gómez y Díaz-Castroverde, José Luis de la Torre Nieto, Antonio Carro Fernández-Valmayor e Pablo Moure Mariño- e sinalou que os países se fan con leis, con institucións, con estatutos, “pero sobre todo cun espírito que permita dicir que hai un proxecto compartido”.

“Se esta alma non latexa, se os individuos non son quen de formar unha cidadanía, ese país esmorece”, subliñou o presidente galego afirmando que Galicia “non esmoreceu. Galicia protagoniza unha apaixonante aventura democrática que consiste en crear unha comunidade moderna, libre e avanzada sen sufrir conflitos nin divisións internas”. “E iso non sucedeu porque o noso pobo fora uniforme, senón porque soubemos integrar a pluralidade”, engadiu.

Así, o presidente galego destacou que “partindo de moitas Galicias, logramos facer unha. Da mesma maneira, partindo de diferentes sensibilidades, o Consello Consultivo logra alumear a nosa actividade lexislativa”. Feijóo afirmou que existe unha tendencia a valorar o grado de autonomismo das diversas comunidades que compoñen España en función da súa conflitividade interna. “De acordo con ese arbitrario baremo cando máis conflitivo sexa un territorio, maior conciencia posúe. Entendo, sen embargo, que un país que non é capaz de atopar un común denominador entre as súas xentes non chegou aínda ao seu grado de madurez. Pensar outra cousa é esquecer que o principal obxectivo do proceso autonómico consiste en ofrecer unha casa común ás persoas que habitan un territorio”, dixo.

O titular da Xunta salientou a “extraordinaria importancia” do cometido do Consello Consultivo nesta “casa común”. “Aqueles que nos albores do noso autogoberno consideraron necesario contar cun organismo coma este, non se equivocaron. Pero era preciso prestixialo, facer que medrara a súa relevancia, lograr que os seus ditames fosen un exemplo de rigor. Todo iso fíxose en parte grazas ao labor pioneiro dos homes que están a recibir a nosa homenaxe. Quero que saiban que tiveron un protagonismo especial no agromar dunha Galicia unida e plural”, rematou.