Luns, 20 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor A Consellería de Educación abre o prazo para os centros de ensino que desexen sumarse ao proxecto Abalar.

A Consellería de Educación abre o prazo para os centros de ensino que desexen sumarse ao proxecto Abalar.

Correo-e Imprimir PDF
Abalar03

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria abrirá nos vindeiros días o prazo para que os centros educativos sostidos con fondos públicos soliciten a súa participación no Proxecto ABALAR para o próximo curso 2011/2012. Así, está previsto que sexan arredor de 40 centros os que se sumen o vindeiro curso ao proxecto, xa que cómpre destacar que os centros que xa están a participar no ABALAR neste curso non precisan solicitalo de novo, senón que continúan dentro do proxecto. O obxectivo é que no novo curso o ABALAR beneficie a máis de 31.500 alumnas e alumnos, ao ampliarse dos actuais cursos de 5º de primaria e 1º da ESO a 6º de Primaria e 2º da ESO. Deste xeito está previsto que a estratexia de integracións das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) chegue a arredor de 1.500 aulas duns 340 centros educativos.

Requisitos para solicitar a participación dos centros no Proxecto ABALAR

Os colexios e institutos poderán solicitar entrar no proxecto a partir da publicación da correspondente resolución no Diario Oficial de Galicia (DOG). Para que un centro poda participar neste proceso de selección é necesario que presente un proxecto no que resuma as experiencias de formación TIC levadas a cabo no centro nos últimos anos, así como as características do mesmo respecto da conectividade, instalacións eléctricas, entre outros aspectos. Ademais deberá propoñer a un docente como coordinador do proxecto Abalar no centro. A Consellería de Educación analizará todas as solicitudes e seleccionará os centros de acordo a estes requisitos.

Unha vez sexan seleccionados os colexios e institutos comprométense a desenvolver o proxecto e impulsar a súa continuidade, tomar parte nas actividades de formación que estableza a Consellería de Educación, e a que o seu profesorado faga uso das funcionalidades e recursos dispoñibles no “espazo Abalar” e promovan o seu coñecemento e utilización entre as familias.

Os novos centros ABALAR implantarán o proxecto no curso 2011/2012 no 5º curso de Primaria e no 1º da ESO para o que recibirán un ordenador ultraportátil para cada alumnos, un carriño de carga para os mesmo na aula, e un ordenador para o profesor.

A Consellería de Educación manifesta que “continúa así a apoiar o salto cualitativo e cuantitativo no sistema de ensino de Galicia que supón o paso do centro educativo tradicional ao centro educativo dixital”.

Ademais o ABALAR leva parello un avance sen precedentes na intercomunicación entre os membros da comunidade escolar, a través do espazo Abalar, a plataforma, creada para fomentar a participación e a comunicación en rede de toda a comunidade educativa, e que lles permite ás familias facer un seguimento continuado da vida académica dos seus fillos, así como ter unha comunicación directa cos docentes.