Martes, 19 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en América A Comuna 10 de Bos Aires salienta a beleza da casa dos miñoranos na Arxentina.

A Comuna 10 de Bos Aires salienta a beleza da casa dos miñoranos na Arxentina.

Correo-e Imprimir PDF
casa valminhor bosaires

Unha antiga casa de principios do século XX acolle dende hai 72 anos á comunidade de miñoranos e miñorás emigrados á Arxentina. Situada na rúa Rafaela 4836/40 na popular zona de Villa Luro acaba de ser nomeada pola Comuna 10 de Bos Aires –administración local descentralizada- como un dos "rincones" a visitar da zona. Adquirida en 1941 polo Círculo Social Val Miñor, foi inaugurada un ano despois e "foi tanta xente á que asistiu ao evento que tivo que se alugar cadeiras e tablóns".

Como as Escolas Proval e outras tantas iniciativas o Centro Social Val Miñor ten os seus antecedentes na Unión Hispanoamericana del Valle Miñor (1905) da que se desprendeu en 1928 o Centro Ayuntamiento de Bayona. Desta organización nacerá en 1934 o Círculo Social Val Miñor para xuntar aos fillos de Baiona, Gondomar e Nigrán. Neste recuncho da Comuna 10, hoxe cos seus fillos e netos xúntanse para desenvolver actividades culturais, sociais e deportivas. Actividades e xuntanzas que grazas á tecnoloxía dixital poden seguirse no seu web e tamén a través da emisións da radio dixital Val Miñor que emite por streaming.
A Comuna 10 está situada no oeste da cidade de Bos Aires e integrada polos barrios de Villa Real, Monte Castro, Versalles, Floresta, Vélez Sársfield e Villa Luro, cunha superficie de 12.6 km2 e unha poboación de 163.209 habitantes. Dende o ano 2005, a cidade de Bos Aires está organizada por 15 Comunas, integradas pola Xunta Comunal, o seu Presidente e un Consello Consultivo. As Comunas teñen inxerencia no arborado, os espazos verdes, o mantemento das beirarrúas, o asfalto e a fiscalización do uso do espazo público.