Xoves, 23 Mar. 2017

Actualizado05:00:34 PM GMT

Estás en Nigrán O goberno de Nigrán quere destinar a vivenda do mestre de Balinfra para usos sociais.

O goberno de Nigrán quere destinar a vivenda do mestre de Balinfra para usos sociais.

Correo-e Imprimir PDF
balinfra-casa-mestre

O goberno de Nigrán presenta unha moción ao pleno para pedir a desafección da vivenda do mestre de Balinfra (Camos) á Consellería de Educación

O Concello quere destinala a casos de emerxencia social e programas de respiro familiar e de autonomía do Centro Juan María

"Unha vivenda é un recurso importantísimo para o Concello, por iso queremos que deixe de estar valeira para que sí cumpla un obxectivo social", incide o alcalde.

O goberno de Nigrán levará ao próximo pleno unha moción para pedir á Xunta a desafección do uso docente da antiga vivenda do mestre en Balinfra (Camos) para poder destinala a usos sociais. O obxectivo é poder empregar esta casa desocupada para casos urxentes de emerxencia social e para que os usuarios do Centro Juan María poidan gozar de programas de respiro familiar ou de preparación para unha vida independente.

A edificación, de 339 metros cadrados, consta de dúas vivendas, estando a do lado oeste desocupada e deteriorada e, polo tanto, sen cumprir ningunha finalidade. Xa por esta mesma razón o anterior goberno socialista solicitara en 2010 á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a desafección do uso docente das escolas infantís, sendo concedido o 15 de marzo de 2015 e permitindo así que o espazo o ocupe á Escola Municipal de Música e o grupo de pandereteiras da Asociación Cultural A Camoesa. Agora a petición vai destinada a esta vivenda de 80 metros cadrados de planta, dous pisos e xardín nunha parcela de 2.789 metros cadrados.

"A vivenda é un dereito básico das persoas que contribúe á súa integración social e calidade de vida, é moi importante que Nigrán conte con esta casa para poder destinala a casos de emerxencia e para que as persoas con discapacidade poidan prepararse para a vida independente", explica Juan González, alcalde de Nigrán.

O Centro de Educación Especial Juan María (Parada) contou durante un ano e grazas a unha subvención cunha casa alugada para levar a cabo programas de respiro familiar cos seus usuarios, sen embargo, o elevado custe impediu que continuasen. Agora, a posibilidade plantexada dende o goberno de Nigrán abre as portas a que poidan retomar esta iniciativa básica para acadar a autonomía total dos seus usuarios ou permitir que as familias descansen.

"A empregaríamos para tratar de que os usuarios máis autónomos acaden a máxima independencia e para respiros familiares, isto significa que as fins de semana algúns deles disfrutarían en Balinfra do seu propio ocio acompañados de monitores e ao mesmo tempo a familia podería descansar da súa labor coidadora. Todo cun cronograma detallado", explican dende o centro. Así, ademáis das estancias curtas de fin de semana aberta aos 102 usuarios habería de máis longa duración para que, en pequenos grupos, os que gozan de maior autonomía aprendan a valerse por si mesmos nunha vivenda (sempre con apoio de persoal do centro). "Trátase de preparalos para a independencia total, para que poidan vivir pola súa conta", indica María Santos, directora do Centro Ocupacional.

"Unha vivenda é un recurso importantísimo para o Concello, por iso queremos que deixe de estar valeira para que sí cumpla un obxectivo social", incide o alcalde.