"O curso do río está a cambiar de xeito natural modificando a súa vez o areal, polo que deben analizar a situación e tomar medidas si é que resulta preciso", explica o rexedor, Juan González
A situación foi comunicada hai más dun mes a Costas, que trasladou a responsabilidade á Xunta e Dirección Xeral de Conservación da Natureza, organismos aos que agora se dirixe o consistorio
O Concello de Nigrán urxe á Xunta a que estude a crecente erosión das dunas e do areal de Praia América na zona da desembocadura do río Muíños e a que actúe si é que fose preciso.
Así llo comunicou hoxe por escrito o consistorio ao goberno autonómico e a Dirección Xeral da Natureza, acompañado dun informe fotográfico onde se poden apreciar os estragos recentes. A situación xa foi trasladada hai máis dun mes a Costas, quen trasladou a responsabilidade a estes dous últimos organismos.
"A realidade é que nos últimos meses o curso do río Muíños na súa desembocadura está a cambiar de xeito natural modificando a súa vez o areal, polo que se debe analizar a situación e tomar medidas si é que resulta preciso", explica o rexedor, Juan González. Así, o recente temporal e choivas dos últimos días agravou aínda máis a erosión da praia e do sistema dunar, que xa amosa unha imaxe moi cambiada. "Non sabemos si se debe actuar no esteiro ou non, precisamente o que queremos é que a Xunta, organismo responsable, analice o que está a ocorrer e actúe consecuentemente, o que non se pode facer é tapar os ollos á realidade ", comenta González.
O goberno de Nigrán ten entre os seus obxectivos precisamente a recuperación total deste sistema dunar, proba delo e que con este obxectivo durante o verán se levaron a cabo traballos de limpeza de especies invasoras, acción que non se realizara nos últimos anos.
O proxecto de recuperación dunar, comezado no ano 2005 e especialmente impulsado a partir do ano 2007 co goberno de Efrén Juanes, obtivo en 2009 un premio da Fundación Biodiversidad, dotado con 50.000 euros. O espazo forma parte asemade do Inventario de Sistemas Dunares de España da Dirección Xeral de Costas. Actualmente ocupa un espazo de 35.000 metros cadrados e está pendente da súa declaración como Espacio Natural de Interés Local (ENIL).
O ecosistema dunar de Panxón é especialmente rico en biodiversidade, atopándose ducias de especies diferentes entre as que destaca a scrophularia frutescens, sysimbrium officinale, pancratium maritimum ou eryngium maritimum. Conta con representacións de hábitats do tipo dunas marítimas das costas atlánticas e do mar do Norte e do Báltico, dunas móbiles embrionarias, dunas brancas e dunas costeiras fixadas con vexetación herbácea, coñecidas como dunas grises. Tamén están presentes diversos taxones de fauna, así como hábitats de interese comunitario entre os que destacan especies vulnerables como a píllara das dunas ou a salamandra, entre outras.