Luns, 29 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán Atrancos administrativos deixan sen conserxes aos colexios de Mallón, Cruz-Camos e Vilariño.

Atrancos administrativos deixan sen conserxes aos colexios de Mallón, Cruz-Camos e Vilariño.

Correo-e Imprimir PDF
ceip-vilarinho

Tres colexios de educación infantil e primaria de Nigrán atópanse sen conserxería dende o pasado martes 4 de novembro. O Carlos Casares (Vilariño), Mallón e Cruz-Camos quedaron fóra das adxudicacións para a cobertura deste servizo que brinda un convenio entre o Concello de Nigrán e a Consellaría de Traballo e Benestar da Xunta, segundo informan fontes da comunidade educativa deses centros. Engaden que a ausencia dos conserxes está afectando a posta en funcionamento cotiá das aulas como a atención e vixilancia dos cativos. Salientan que a estes centros concorren crianzas de tres anos en diante que requiren dunha especial atención e apoio destes traballadores.

Nigrán chegou tarde.

Unha falla na xestión do convenio tería orixinado o problema. Dende os centros sinalan que estas prazas se estaban a cubrir con estes acordos entre a administración local e a autonómica dende hai 4 anos, pois a praza de conserxe nestes centros non conta cun posto fixo na plantilla. Afirman que segundo o comunicado polas autoridades municipais de Nigrán, aos mesmo tempo que se ían presentando as solicitudes por parte dos Concellos dende a Consellería adxudicaban o persoal requerido. Cando tocou a quenda de Nigrán, só quedaba dispoñible unha vacante, quedando o resto dos centros fóra dos beneficios do convenio.

Segundo os afectados, dende a casa consistorial informaron que o Concello está reclamando ante á delegación do goberno.

“A realidade é que neste momento nin as autoridades municipais nin as autonómicas foron quen de dar resposta á necesidade deste posto de traballo nos tres  colexios públicos de Nigrán, que están sen conserxe desde o pasado día 4”, denuncian dende os centros.

Os servizos afectados

Os conserxes desenvolven unha serie de tarefas fundamentais para o funcionamento dos centros, como abrir e pechar as instalacións, realizar traballos de reparación e mantemento, atender a calefacción, a iluminación das instalacións, fotocopias, entrega de comunicados, colaboración na atención do alumnado (nenos e nenas que se atopan indispostos, que precisan ser cambiados de roupa), e un longo etcétera, que nestes días deben apañar mestres e mestras desatendendo as súas obrigas e afectando a calidade educativa.

Advirten dende o colectivo que os equipos directivos e o profesorado “non poden nin deben asumir as funcións de conserxería, pois de facelo desatenden o seu propio traballo”.

“Xa nestes días, está habendo problemas de retención de tráfico nas inmediacións do Carlos Casares á hora de entrada”, advirten.

Recollida de sinaturas e mobilización das ANPAS

Algunhas ANPAs están promovendo a recollida de sinaturas, para con elas solicitar unha entrevista tanto ao alcalde de Nigrán como ao xefe territorial da Consellería de Educación de Pontevedra.

Sinalan que as comunidades educativas dos centros afectados “non van permanecer impasibles ante esta perda de calidade do servizo público de ensino en Nigrán”, e afirman que seguirán estudando medidas de presión.