Domingo, 28 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán As laxes que non resistiran o tráfico da Ramallosa foron reinstaladas en dúas rúas de Panxón.

As laxes que non resistiran o tráfico da Ramallosa foron reinstaladas en dúas rúas de Panxón.

Correo-e Imprimir PDF
mourelle despois
mourelle antes
  • Anterior
  • 1 of 2
  • Seguinte

As laxes que outrora foran transitadas na Ramallosa agora o serán en Panxón. Tras o remate das obras nas rúas Álvaro Mourelle e Arco Visigótico, o alcalde Alberto Valverde valora a actuación positivamente e asegura que a reinstalación das laxes mellorará a accesibilidade para peóns e persoas con discapacidade, "así como a mobilidade para o tráfico rodado nunha zona cunha importante actividade comercial e hostaleira". Sen embargo as devanditas louzas foran retiradas meses atrás da zona comercial da Ramallosa pola súa pouca resistencia ao tráfico. Daquela, o argumento do alcalde para levantalas foi a súa feble consistencia ao paso de vehículos pesados, como os que abastecen esa zona comercial. Agora serán novamente postas a proba nesta vila mariñeira e turística da bisbarra.


Cun custe de 50.391,73 euros, e financiadas integramente pola Deputación, a intervención acadou no seus inicios a oposición dun sector da veciñanza. A asociación de veciños de Monteferro manifestou o seu malestar ao inicio das mesmas por a falla de aviso de parte da administración e polos atrancos que as intervencións "están a causar na zona en vésperas da tempada turística". Protesto que foi levado ao pleno polo edil Antonio Fernández (UCN), quen pedira a súa paralización inmediata. Fernández denunciaba que tiñan lugar en época inapropiada e que ademais non eran necesarias, xa que esas rúas foron empedradas a principios dos anos 90 e "mantéñense en perfecto estado de conservación".
Pola contraria, este sábado o alcalde Valverde gabouse que con esta intervención a súa administración solucionaba unha demanda veciñal "que se remonta anos atrás e que ningún goberno antes tiña abordado". Sinalou que as obras finalizaron "sen ningún tipo de incidencias" e lembrou "as lamentables declaracións" feitas polo edil Fernández, especialmente o pedido deste de paralizalas. Opinou que o portavoz da UCN "debería pedir perdón, especialmente por xerar desconcerto entre veciños e empresarios da zona".