Martes, 14 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán Nigrán deixa preparados os operativos de seguridade para as fogueiras de San Xoán e PortAmérica.

Nigrán deixa preparados os operativos de seguridade para as fogueiras de San Xoán e PortAmérica.

Correo-e Imprimir PDF
postal3

A policía local de Nigrán, auxiliada pola Garda Civil, efectivos do GES e Protección Civil serán os encargados dos operativos de seguridade que actuarán nos dous eventos masivos que recibirá o concello neste verán, a noite das fogueiras de San Xoán e o festival PortAmérica. Así o decidiron nunha reunión das autoridades locais cos corpos de seguridade mantida este martes na cas consistorial. Na mesma reunión o subdelegado Antonio Coello, presentou un informe no que se afirma un descenso do 13,17% nos delitos acaecidos en Nigrán no 2013.

Coordinación na Xunta Local de Seguridade.

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Antonio Coello Bufill, copresidió, xunto co alcalde, Alberto Valverde Pérez, a reunión da Xunta Local de Seguridade de Nigrán, á que tamén asistiron representantes municipais, da Garda Civil, Policía Autonómica, Policía Local e a xefa da Unidade de Violencia de Xénero da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, Mª Paz Pérez Asorey.

Na reunión tratáronse os dispositivos de seguridade de dous eventos importantes no municipio. O primeiro é o referente ás fogueiras de San Xoán, a noite do 23 de xuño en Panxón. Segundo a alcaldía o correcto funcionamento do mesmo nos dous últimos anos fará que o deste ano sexa similar aos de 2012 e 2013.

Dispositivos de seguridade na noite das fogueiras

Así, o centro neurálxico do dispositivo instalarase na contorna do pavillón de Panxón, onde se situará tamén o hospital de campaña. “En total, o dispositivo de seguridade estará formado por unha vintena de axentes da Policía Local, un mínimo de dúas patrullas da Garda Civil, dous efectivos do GES e unha decena Protección Civil”, sinalou o rexedor.

A este dispositivo, hai que engadir o operativo de limpeza, que entre persoal municipal e da empresa concesionaria do servizo de limpeza CESPA estará formado por máis dunha trintena de persoas, “que do mesmo xeito que o ano pasado permitiranos ter a praia limpa e en condicións de uso e goce desde as 7 da mañá”, engadiu.

PortAmérica

O segundo dispositivo que se abordou hoxe foi o do Festival Portamérica Rías Baixas, que terá lugar do 17 ao 19 de xullo en Porto do Molle, e no que se reforzará o operativo para garantir a seguridade durante os días do festival, ante a previsión de afluencia de miles de persoas ao municipio, “xa que na pasada edición acudiron a PortAmérica máis de 19.000 persoas”, observou o rexedor.

O dispositivo contará con efectivos da Policía Local, Protección Civil e Garda Civil, que se complementará coa seguridade do propio festival, integrada por 28 controladores e 9 vixiantes.

Descenso de delitos

Así mesmo, o subdelegado do goberno puxo de manifesto que en Nigrán o número de delitos descendeu durante o ano 2013 con respecto a 2012. “A suma total de delitos e faltas en 2013, en comparación co ano anterior sufriu un descenso dun 13,17%”, apuntou Coello. Máis concretamente, o número de delitos caeu un 15,97% e o de faltas un 10,41%.

Neste sentido, o rexedor destacou a información facilitada polo Tenente da Garda Civil de Baiona, que rexistra un descenso importante da conflitividade na contorna da Ramallosa, “unha magnífica noticia para Nigrán, que foi posible grazas á recuperación da quenda de noite da Policía Local o verán de 2011, pero sobre todo polo traballo coordinado e conxunto das Forzas e Corpos de Seguridade, así como a colaboración permanente entre a Garda Civil e a Policía Local”, observou Valverde.

Por outra banda, tamén se informou da evolución do Plan de Lecer 2014 e do Plan Director. O primeiro está centrado no control de establecementos que poden dispensar bebidas alcohólicas a menores e o segundo está orientado a charlas informativas que se están impartindo nos centros de educación para previr o consumo de alcol e drogas entre os mozos, así como fomentar un bo uso das novas tecnoloxías. A Garda Civil, ao longo deste curso, impartiu 24 charlas en centros educativos do municipio.