Luns, 20 Nov. 2017

Actualizado12:46:23 PM GMT

Estás en Gondomar A Garda Civil tras os responsables dun vertedoiro de residuos perigosos en Gondomar.

A Garda Civil tras os responsables dun vertedoiro de residuos perigosos en Gondomar.

Correo-e Imprimir PDF
3vertedoiro-gondomar

Investíganse a tres persoas por senllos delitos contra os recursos naturais, o medio ambiente e falsificación de documentos.

A Garda Civil investiga a tres persoas acusadas da comisión dun delito contra o medio ambiente e os recursos naturais tras descubrir un almacenamento, supostamente ilegal, de residuos perigosos no municipio de Gondomar.

A investigación iniciouse a finais do ano pasado polo Equipo do Seprona de Vigo cando tivo sospeitas de que se estaban utilizando residuos de construción e demolición mesturados con asfalto no reencho da obra dun cemiterio no municipio de Tomiño.

As pescudas do Seprona levadas a cabo para coñecer a orixe dos residuos de asfalto, considerados perigosos, que se detectaron nas obras de reencho do cemiterio, determinaron que procedían das obras dunha rede de abastecemento que auga que se estaban realizando na mesma comarca.

Seguindo a mesma liña de investigación, localizouse en dous terreos contiguos, no municipio de Gondomar, un importante almacenamento de máis de 10.000 metros cúbicos de residuos de construción e demolición mesturados, tamén, co mesmo asfalto que se atopou nas obras do cemiterio, carecendo os seus propietarios da preceptiva autorización que os habilite para a xestión de residuos industriais.

O Seprona puido constatar que ata este almacenamento chegaran, polo menos, 78 camións que transportaban 468 metros cúbicos de asfalto que foran extraídos nas referidas obras da rede de abastecemento de augas.

Como consecuencia das irregularidades penais detectadas no marco das dilixencias instruídas, o Seprona procedeu á investigación dos dous administradores mancomunados da empresa que xestiona o vertedoiro de residuos detectado en Gondomar, aos que se lles acusa dun suposto delito contra o medio ambiente e os recursos naturais.

Estas dúas persoas, que figuran cun amplo historial de denuncias por infraccións relacionadas coa normativa que regula a produción e xestión dos residuos de construción e demolición, acúsaselles tamén doutro delito de falsedade documental por expedir certificacións como xestor de residuos, sen estar habilitados para iso.

Así mesmo, tamén se procedeu á investigación do xerente da empresa encargada das obras de abastecemento de augas, como suposto autor doutro delito contra o medio ambiente e os recursos naturais, en base ás irregularidades que se lle detectaron no plan de xestión de residuos, evidenciando que entregou os restos do asfalto xerados na obra como un simple residuo de construción e demolición, descoñecendo a composición do mesmo, necesaria e preceptiva para a correcta xestión do residuo.

As dilixencias instruídas polo Seprona foron entregadas na Fiscalía de Medio Ambiente de Vigo.