O Concello de Gondomar obtivo mala nota do Ministerio de Facenda en materia de cumprimento dos seus compromisos de estabilidade financeira. Gastou máis do que ingresou e gañouse un "non cumpre" do Ministerio na auditoría dos obxectivos estipulados pola Lei de Estabilidade Orzamentaria.
Nun informe revelado este xoves por Facenda, sinálase que a administración gondomareña rexistra un déficit de 697.562 euros correspondente á liquidación orzamentaria do ano 2013 e presentada en maio deste ano.
Agora o goberno de Gondomar verase na obriga legal de presentar outro plan de axuste económico-financeiro por excederse nos límites de gasto e quedará suxeito a un control máis estrito do Estado e a Xunta de Galicia.
Deberá elaborar un novo plan de axuste, (o de 2013 non se cumpriu) a fin de presentalo ante á Xunta de Galicia, titora financeira da administración segundo o marco legal vixente. O goberno autonómico á súa vez será o responsable de facer un seguimento dos compromisos asumidos por Gondomar. O devandito plan cos resultados do seguimento serán comunicados ao Ministerio de Facenda e á Comisión Nacional de Administración Local, para o seu coñecemento.