Martes, 7 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar Comezou o desmonte de muros, formigonado e ampliación do paseo da Coelleira sobre o río Miñor.

Comezou o desmonte de muros, formigonado e ampliación do paseo da Coelleira sobre o río Miñor.

Correo-e Imprimir PDF
proyecto-Minhoor2

-As zonas verdes do parque rematarán en talude sobre o paseo que será formigonado. As obras contemplan a reparación das pontes de madeira que cruzan o río Miñor na zona.

Unha vez conseguidos os permisos de Augas de Galicia e Patrimonio, operarios do Concello acometen estes días os traballos centrados no desmonte dos muros existentes na zona para rematar en talude ata o paseo, que será formigonado para asegurar a estabilidade do firme e contará cun ancho de tres metros e medio, segundo comunica o Concello de Gondomar.

Segundo explica a administración local, a retirada dos muros permitirá “xerar maior sección fronte ás posibles inundacións ao ampliar a zona onde se acumularía a auga das chuvias”. Do mesmo modo, o paseo contará con zonas de recollida das augas “chegadas dos camiños próximos que serán vertidas ao río directamente, evitando así os desbordes”.

"Este novo paseo dará continuidade á senda fluvial do Miñor e converterá, definitivamente, á zona nun auténtico espazo de recreo para todos os nosos veciños e veciñas", afirma Fernando Guitián, alcalde de Gondomar.

Estes traballos forman parte do chamado “Proxecto de adecuación do paseo ao longo do río Miñor no Parque da Coelleira” que está subvencionada nun 80% pola Consellería de Presidencia e Administracións Públicas da Xunta de Galicia e conta cun investimento total de 50.000 euros.

Así mesmo, o Concello adianta que tamén está programada a reparación das pontes da zona nas que se rebaixará a pendente para facilitar o paso dos usuarios; traballos que se suman á poda de árbores e roza que se levou a cabo no río a pasada semana.