Martes, 7 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar Acondicionarán a pista deportiva de San Roque de Morgadáns para evitar accidentes.

Acondicionarán a pista deportiva de San Roque de Morgadáns para evitar accidentes.

Correo-e Imprimir PDF

O Concello de Gondomar achegará 3.000 euros a través dun convenio coa Sociedade Cultural de San Roque de Morgadáns co xeito de acondicionar a pista deportiva situada a carón do centro cultural do devandito barrio. O acordo foi asinado polo alcalde Fernando Guitián e mais o presidente da sociedade, Manuel Alonso, segundo deu a coñecer este martes a administración local.

Segundo o Concello a través deste convenio as obras correrán a cargo da Sociedade Cultural San Roque de Morgadáns. A actuación comprometida consistirá na aplicación "dunha capa de pintura antideslizante sobre o pavimento existente, que posibilite o uso deportivo da mencionada pista, xa que a súa situación actual imposibilita a práctica deportiva de xeito seguro, dado que o pavimento mollado crea unha película deslizante perigosa" sinalan nun comunicado.
Agregan que ademais o Concello de Gondomar, previo aviso "e sen que isto interfira nas actividades organizadas dende a propia asociación", poderá facer uso ou autorizar a utilización da pista a terceiros.
Campionato anual de fulbito de Morgadáns.
Por outra banda, en virtude do documento, a Sociedade Cultural de Morgadáns comprométese a organizar un torneo anual de fulbito, programado en colaboración coa Concellaría de Deportes, "coa finalidade de contribuír á promoción e práctica desta modalidade deportiva entre os mozos e mozas do municipio".
O rexedor gondomareño, Fernando Guitián, recoñece que "a firma deste convenio resolve, por fin, os problemas da pista deportiva de San Roque", posibilitando "a realización dunha obra moi demandada desde a Sociedade Cultural San Roque", e engade que "desde o Concello seguiremos apostando polo compromiso cos nosos veciños e veciñas de Morgadáns".