Martes, 7 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar Entra en vigor o novo regulamento que amplía as zonas reservadas para carga e descarga na vila de Gondomar.

Entra en vigor o novo regulamento que amplía as zonas reservadas para carga e descarga na vila de Gondomar.

Correo-e Imprimir PDF
zonas-carga-descarga-gondom

-A nova regulación, xa en vigor, aumenta as zonas e horarios destinados á carga e descarga establecendo dous tipos: as zonas libres e as zonas reservadas ou restrinxidas, que so poderán ser utilizadas previa solicitude e trala correspondente autorización

O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra recolle no seu número de onte a modificación da Ordenanza Municipal de Carga e Descarga do Concello de Gondomar, que xa está en vigor. No novo documento enténdese por carga e descarga a realizada comercialmente por persoas que realizan as súas tarefas con “carácter profesional e mediante vehículos considerados legalmente como comerciais” quedando, deste xeito, “excluídas as cargas e descargas de carácter privado”, segundo informa o Concello.

Clasificación das  zonas de carga e descarga:

As zonas “libres” poderán ser utilizadas por todas as persoas que teñan que realizar este tipo de tarefas. A ordenanza recolle como zonas libres as rúas Ángel Urzáiz (onde se localizaba a parada de autobuses de ATSA), Eduardo Iglesias (ao final da parada de taxis e desde o final da mesma ata o remate da rúa), Rosalía de Castro (nas inmediacións da Praza de Abastos), Portugal (a seguir dos estacionamentos de minusválidos), San Bieito (fronte ao supermercado), Elduayen, Levada do Beco, o Lugar de Fontán (entre os edificios 1B e 1H) e o comezo da Avenida do Conde.

As zonas reservadas ou restrinxidas só poderán ser utilizadas polos titulares dese aproveitamento especial, de acordo coa autorización municipal correspondente, dentro do horario establecido e tralo pagamento das taxas establecidas pola ordenanza fiscal reguladora. A delimitación destas zonas farase unha vez que se solicite polos interesados, e trala súa concesión.

Horarios das zonas de carga e descarga

A normativa autoriza a carga e descarga neste lugares sinalados en horario de 8.00 a 12.00 horas e de 16.00 a 18.00 horas, os días laborais de luns a venres; e de 8.00 a 12.00 horas, os sábados.

Sancións

Do mesmo xeito, o documento recolle as sancións para todos aqueles actos que supoñan un incumprimento das obrigas nel contidas. Nese senso estipúlanse multas de 90 euros para quen desenvolva tarefas de carga ou descarga nas zonas libres, fóra do horario establecido. A multa nas zonas privadas será de 30 euros en caso de utilizarllas persoas alleas aos titulares.