Martes, 7 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar ANOVA presentará iniciativas en Gondomar contra a suba do canon do lixo e o copago farmacéutico.

ANOVA presentará iniciativas en Gondomar contra a suba do canon do lixo e o copago farmacéutico.

Correo-e Imprimir PDF
preferentes

ANOVA anuncia que presentará iniciativas no pleno de Gondomar deste xoves, tendentes a evitar a suba do canon do lixo, e o copago farmacéutico. Na mesma sesión os nacionalistas esixirán ao alcalde Fernando Guitián que retire as denuncias presentadas contra integrantes da Plataforma de afectados polas preferentes e subordinadas.

O voceiro Antonio Araújo critica ao bipartito gobernante (PP-CDL) por levar "un só asunto de trámite como é a renovación do convenio coa Deputación Provincial para a prestación do servizo de recollida e tratamento de vehículos fóra de uso". O concelleiro opositor ironiza que tanta iniciativa é "o normal para un goberno de 8 membros dos que teñen dedicación exclusiva 6".
A 24 horas da celebración do pleno, Araújo salienta que só le consta a existencia das mocións presentadas polo seu grupo. Entre elas está "a que o alcalde non deixou debater no último pleno" sobre as denuncias postas polo rexedor a varias persoas afectadas polas preferentes. "Se pensa que coa súa actitude autoritaria vai amedrentar aos concelleiros nacionalistas, equivócase, e así mañá vai ter que dar explicacións dos porqués desas denuncias e aceptar o mandato da corporación para que as retire", sinala.
Outra das mocións refire ao novo canon sobre o tratamento dos residuos sólidos que SOGAMA imporá aos concellos a partires do 1 de xaneiro de 2014, onde o prezo da tonelada trata pasará de 55,91€ a 74,64€ sen IVE. Os nacionalistas solicitarán que a Xunta retire esta suba prevista nos orzamentos de 2014 .
Por último, outra das mocións nacionalistas ten que ver co copago dos fármacos hospitalarios. Solicitan que a Xunta non o aplique en Galiza e, no caso de aplicarse, que o Concello asuma o copago "daquelas persoas que o precisen a cargo da partida de emerxencia social".