Mércores, 8 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar Tras constatar irregularidades, veciños piden ao alcalde de Gondomar que peche un centro de adestramento canino en Vincios.

Tras constatar irregularidades, veciños piden ao alcalde de Gondomar que peche un centro de adestramento canino en Vincios.

Correo-e Imprimir PDF
cans-vincios

-O centro localizado no lugar de Os Casás - Donín, parroquia de Vincios, foi inspeccionado  en dúas oportunidades pola Policía Nacional e o SEPRONA que deixaron constancia que nas instalacións trabállase con razas cualificadas como “potencialmente perigosas”, sen as necesarias precaucións de seguridade, ademais de carecer de licenza municipal e títulos profesionais homologados pola Xunta de Galicia.  

Os veciños afirman estar temerosos pola falla de seguridade das instalacións, “non é a primeira vez que escapan cans do recinto, pasando á finca dun veciño ou polos camiños”, sinalan nun escrito achegado a este medio. Agregan que os cans son adestrados para saltar obstáculos de máis de 2 metros de altura, nembargante o informe policial da conta que o recinto está cercado “tanto por muros de bloques como por tela metálica siendo tanto unos como otros de escasa altura teniendo en cuenta el tipo de animal que recibe adiestramiento en los mismos”. Por riba, o atestado sinala que “Ni en la puerta de entrada ni en ningún lugar del recinto existen carteles que adviertan de la presencia de perros potencialmente peligrosos”.

Irregularidades constatadas pola Policía Nacional e o SEPRONA.

Segundo os informes policiais, o centro carece de títulos homologados pola Xunta para o exercicio de adestramento de cans  nin  posúe título de “Capacitación del Manejo de los Perros Potencialmente Peligrosos”. O establecemento localizado en chan forestal, tampouco posúe Licenza definitiva de Actividade, nin alta coa declaración de Núcleo Zoolóxico, así como o obrigatorio Libro de Rexistro de entrada de animais.

Segundo a mesma fonte, o titular da empresa presentou como documentos habilitantes, unha licenza municipal de obra menor, con data 6 de xuño de 2011, coa finalidade de “legalizar un negocio de adiestramiento y guardería canina, así como el proyecto para lograr este mismo fin”. A isto agregou permisos da Asociación Nacional de Adiestradores Caninos Profesionales, máis sen a obrigatoria homologación autonómica.

Os veciños de Donín reclaman a atención das autoridades municipais de Gondomar

Os veciños de Donín denuncian que este centro leva funcionando catro anos nestas condicións  “a carón das casas”. “Por non falar do ruído que producen os ladridos dos animais, bocinas, sirenas, disparos que se empregan pra adestrar algúns cans”, agregan.

 “De todo isto é sabedor o Sr. Alcalde de Gondomar e os técnicos do Concello por medio das nosas denuncias sen que a día de hoxe se tomasen medidas”, protestan.

Quéixanse que estes feitos “foron postos en coñecemento do Concello e da Xunta de Galicia….pero nada, a actividade non cesa senón que vai a máis”. “O único que nos consta son as inspeccións do SEPRONA e da Policía Autonómica, nas denuncias dos corpos de seguridade esta reflectido todo o exposto polos veciños nas distintas administracións sen que por agora tivesen consecuencias”.

Os veciños solicitan públicamente  que o alcalde de Gondomar “actue e que lle poña fin a esta situación por ser competencia súa, e que non nos obrigue aos veciños a ter que nos mobilizar ou a tomar outro tipo de medidas”.