Martes, 30 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar O Concello de Gondomar estuda subir a taxa da auga para disuadir os consumos excesivos.

O Concello de Gondomar estuda subir a taxa da auga para disuadir os consumos excesivos.

Correo-e Imprimir PDF
concello gondomar

-O paquete de medidas para combater a escaseza de auga no concello inclúe o control de posibles fugas na rede de subministro e bandos disuasorios do consumo excesivo.

- Barállase con Augas de Galicia a posibilidade dunha nova conexión dende o encoro do Zamáns que auxilie á captación do Río Touteiras na parroquia de Peitieros.

O alcalde Fernando Guitián mantivo unha reunión con Augas de Galicia  na procura de posibles solucións a curto e longo prazo, ca fin de elaborar unha estratexia ante a escaseza de auga que rexistra Gondomar no verán.

Segundo informa a alcaldía, entre as medidas que se adoptarían a curto prazo estarían o control exhaustivo do subministro, así como a posibilidade de implantar medidas disuasorias do consumo excesivo como poden ser bandos municipais ou modificacións nas taxas. Por último, tamén se baralla entre as opcións a curto prazo, contar cunha nova achega doutra zona á ETAP (Estación de Tratamento de Auga Potable), o que permitiría aumentar as reservas actuais de auga.

"Dende 1997 o consumo multiplicouse máis do dobre", apunta o rexedor gondomareño, "feito polo cal tamén é necesario estudar medidas que nos garantan a subministración de auga no Concello a longo prazo". Respecto a isto, na reunión mantida con Augas de Galicia, formulouse a posibilidade de que o Concello dispuxese dunha achega de auga embalsada proveniente do encoro de Zamáns. Na actualidade o abastecemento de auga en Gondomar se limita a unha captación do río Touteiras, en Peitieiros.

Compromiso co consumo responsable de auga

O goberno municipal informa que se están levando adiante campañas “co fin de concienciar os veciños e veciñas do municipio da importancia de racionalizar o consumo da auga, sobre neste período estival”. Nese senso salienta que durante estes meses “controlouse o rego de xardíns e baldeos de rúas (salvo en casos puntuais) e a concesionaria do servizo municipal de auga (Espina y Delfín) realizou unha minuciosa revisión das canalizacións de auga potable do concello en busca de posibles fugas ocultas, co obxectivo de evitar perdas e que a xestión da auga no municipio fose o máis eficiente posible”.