Sábado, 27 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar O paseo pola beira do río Miñor prevía o asfaltado de 600 metros até Mañufe

O paseo pola beira do río Miñor prevía o asfaltado de 600 metros até Mañufe

Correo-e Imprimir PDF
Mañufe

O concelleiro Antonio Araúxo (ANOVA) denuncia a existencia dun proxecto do goberno bipartito (PP-CDL) de Gondomar para asfaltar 600 metros da beira do Río Miñor, á altura da Ponte de Mañufe cara á Ramallosa. O edil adianta que pedirá a súa paralización no vindeiro pleno e esixirá se retome o proxecto que el mesmo deixara rematado e con financiación cando fora alcalde de Gondomar en 2008. Proxecto que asegura, prevía unha intervención integral no enclave e sen afectación medioambiental.

A resposta do goberno (bipartito PP-CDL)
Nembargante dende a Concellaría de Medio Ambiente local, afírmase que a denuncia de ANOVA refire a "unha proposta parcial do proxecto que deixara o BNG", presentada polo Concello ante os fondos AGADER en 2012 e oficialmente denegada na actualidade. Sinalan que o proxecto do goberno nacionalista tiña un custe de 400 mil euros para o cal non había fondos suficientes. Sempre segundo a versión do goberno, propúxose entón un proxecto parcial por un valor total de 90 mil euros, que finalmente non obtivo os fondos necesarios. Consultado o concelleiro responsable, Juan Carlos González, informou que nestes momentos a súa concellaría prepara un novo proxecto integral para o paseo do río Miñor que será presentado proximamente.

Réplica de ANOVA
Desde ANOVA asegúrase que a suposta "denegación" da que fala o goberno non se atopa na documentación entregada pola propia administración local ante unha solicitude formal presentada polos nacionalistas. Nese senso, adiantan que esixirán explicacións ao goberno no vindeiro pleno municipal. Por outra banda, o concelleiro Araúxo, fixo fincapé que a diferenza do proxecto presentado polo bipartito ante AGADER, o orixinal de 2008 non prevía en absoluto "asfaltar" as beiras do Miñor, idea á que cualificou de "auténtico disparate".