Sábado, 27 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar A recollida de lixo en Gondomar e o cobro da taxa respectiva pasará a mans do servizo provincial.

A recollida de lixo en Gondomar e o cobro da taxa respectiva pasará a mans do servizo provincial.

Correo-e Imprimir PDF
colector-rua-elduayen

O vindeiro martes 15 de xaneiro o Pleno do Concello de Gondomar debaterá a pasaxe da xestión da recollida de lixo municipal ao servizo provincial ofrecido pola Deputación. O tema consta como único punto da Orde do Día proposto polo goberno municipal con maioría no Pleno, e solicita "a delegación no ORAL da xestión, inspección, liquidación, recadación, sanción, revisión dos actos e actuacións sobre a taxa polo servizo de recollida domiciliaria de lixo".

 

Tras catorce anos sen pagar por este servizo, desde que o goberno do ex alcalde Carlos Silva eliminase o recibo en 1999, a Corporación aprobou o pasado mes de novembro unha ordenanza fiscal que regulaba o cobro por parte do Concello. Nembargante, e por causas que aínda non foron informadas, o cobro como o resto da xestión pasará a mans da Deputación, logo de ser seguramente aprobada a moción o vindeiro martes.

A devandita resolución adoptada en novembro impoñía unha tarifa familiar de 55 euros, outra de 70 ata 250 euros para bares e cafeterías (en función das súas dimensións), e de 70 a 265 euros para locais comercias. Daquela o goberno xa anunciara que estudaría este traslado da xestión á Deputación ou a súa tercerización cunha nova licitación do servizo que na actualidade desenvolvía Geseco.