Venres, 26 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar O veciño de Gondomar, Alfredo López , recibirá o premio OSÍXENO 2012 polo seu traballo en defensa da fauna mariña.

O veciño de Gondomar, Alfredo López , recibirá o premio OSÍXENO 2012 polo seu traballo en defensa da fauna mariña.

Correo-e Imprimir PDF
alfredo lopez

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia(ADEGA) vén de fallar este mércores os premios OSÍXENO e DIOXINA que recoñecen ás mellores e peores actuacións ambientais do ano. Na categoría individual o premio recaeu no veciño de Peitieiros (Gondomar),Alfredo López (biólogo mariño e especialista en debuxos da fauna ) pola súa defensa do patrimonio marítimo do país, a través do seu labor na Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA).

 

Nese senso, a acta do xurado informa que o premio foi outorgado ao "ex-presidente da CEMMA polo seu labor pioneiro de máis de 20 anos en defensa dos cetáceos e doutros grandes vertebrados dos mares de Galiza."

Nesta 12ª edición dos premios, ADEGA outorgou ademais un premio OSÍXENO, á Plataforma para a defensa da Ría do Burgo, na categoría colectiva, "polo seu compromiso incansábel coa rexeneración e o futuro produtivo desta ría". Galardón que na edición anterior recaeu na Plataforma pola protección da Serra do Galiñeiro.

Finalmente, para o premio OSÍXENO DE HONRA foi nomeada a Plataforma Nunca Máis "polo seu compromiso co ambiente e a dignidade dun país". Este premio foi instituído no 2009 para subliñar toda unha traxectoria de compromiso co ambiente e a cultura do país, que recibeu nese ano Isaac Díaz-Pardo, en 2010 Xaquín Marín e en 2011 Mini e Mero.

ADEGA sinala aos peores xestores medio ambientais do 2012.

Ao mesmo tempo, ADEGA considerou que Manuel Penedo, alcalde do Irixo era merecedor do DIOXINA 2012 na categoría individual: "polo servilismo e desleixo amosados diante da ameaza que para o ambiente e á saúde dos seus veciños representaba a construción dunha incineradora de residuos no seu concello".

E a dez anos do Prestige, a categoría colectivo recaeu "nos responsábeis políticos da marea negra do Prestige (Mariano Rajoy, Álvarez-Cascos, Arias Cañete, Aznar, Fernández de Mesa e Jaume Matas) que 10 anos despois non van ser xulgados por converter un accidente marítimo na maior catástrofe ecolóxica da historia de Galiza".

Os premios, consistentes nun diploma e unha escultura comemorativa de Nacho Porto entregaranse no decurso da cea de Nadal que terá lugar en Compostela este sábado día 15 a partires das 21:30 no restaurante A Moa (San Pedro 32).