Domingo, 28 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar O BNG reclama a creación dunha Comisión Especial para atender casos de desafiuzamentos en Gondomar.

O BNG reclama a creación dunha Comisión Especial para atender casos de desafiuzamentos en Gondomar.

Correo-e Imprimir PDF

-O BNG presenta un petitorio ao Concello de Gondomar para que o Pleno Municipal inste ao Goberno do Estado á modificación da Lei Hipotecaria.

-No ámbito municipal o BNG reclama a creación dunha Comisión Especial para atender casos de desafiuzamentos, reclamar das entidades bancarias e de aforro información sobre posíbeis desafiuzamentos que afecten a familias do concello, a paralización dos que estean en marcha e a súa colaboración coa Comisión Municipal creada para Casos de Desafiuzamento e, se non houber colaboración, prescindir dos servizos que as mesmas poidan prestar ao Concello.

O BNG de Gondomar presentou no Rexistro do Concello unha moción para reclamar que o Pleno do Concello inste á Xunta de Galiza a que demande do Goberno do Estado que proceda á modificación da Lei Hipotecaria, con carácter retroactivo, para dar solución ao grave drama social dos desafiuzamentos por impago das hipotecas.

A crise económica, onde a burbulla inmobiliaria tivo un papel fundamental, "está a provocar un aumento desmesurado de desafiuzamentos que nos pon diante dun drama social de dimensións preocupantes", sinalan dende o Bloque. Sinalan que na actual situación"Medra o número de familias que quedan sen fogar, os bancos quédanse coas vivendas, pero a débeda segue pendente". Resultando casos "tan vergoñentos como de familias desafiuzadas cando a penas lles quedaban por pagar 6.000 ou 10.000 euros".

Entre xaneiro e xuño deste ano a xustiza do Estado español ten autorizado en Galiza o desafiuzamento de máis de 3.000 vivendas ou negocios por non poderlle pagar ao banco, e téñense iniciado máis de 48.000 procesos de execución que pretenden o mesmo destino, en todo o Estado. En total, desde o principio da crise en 2007, son máis de 9.000 expedientes que afectan a familias galegas "que conteñen auténticas traxedias humanas e incluso suicidios, no caso do Estado", sinala o informe presentado no Concello.

O Bloque denuncia que tanto o PP como o PSOE non poden ocultar que, en reiteradas ocasións desde marzo de 2011, os dous partidos se opuxeron ás alternativas subscritas polo BNG no Congreso dos Deputados. "De nada valen lamentos e panos quentes a un problema que esixe medidas contundentes, modificacións na lexislación hipotecaria e solucións claras e firmes. "

Nese senso, remarca que a banca," que ten recibido miles de millóns de diñeiro público para sanear as consecuencias das súas aventuras inmobiliarias, non quere adoptar medidas voluntarias para resolver este problema. Nestes momentos de crise non concede créditos á cidadanía nin ao empresariado autónomo, pequeno ou mediano, pero en cambio son intransixente nas sumarias execucións hipotecarias que deixan na rúa familias enteiras sen contemplacións".