Sábado, 4 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar O reloxo da torre da casa do Concello de Gondomar volve a funcionar despois de dous anos.

O reloxo da torre da casa do Concello de Gondomar volve a funcionar despois de dous anos.

Correo-e Imprimir PDF
reloxo
m-losada-carrera
  • Anterior
  • 1 of 2
  • Seguinte

Os veciños de Gondomar volverán a escoitar o característico toque de campá do reloxo que dende o ano 1906 preside a casa consistorial do municipio. A intervención dun equipo de profesionais contratados pola administración, logrou pór en funcionamento ao mítico aparello que novamente dará as horas cun toque das 8 da mañá até a media noite, segundo informou o Concello. O reloxo, que levaba máis de dous anos parado, fora doado a Gondomar polo "indiano" e fillo do municipio Manuel Losada Carrera.

 

Daquela, no primeiro ano do retorno de Manuel Losada do seu periplo por varios anos como emigrante no Uruguai e Arxentina, doou as 4.600 pesetas que custara, segundo lembra o especialista en patrimonio do Instituto de Estudos Miñoranos e columnista deste xornal, Antonio Soliño Troncoso.

Losada fixo a súa fortuna no Río da Prata. Promotor das Escolas Proval, foi membro da Comisión Directiva da Sociedade Unión Hispanoamericana Valle Miñor, con sede en Bos Aires e Montevideo. No 1918 custeou tamén unha escola en Gondomar , interveu na constitución da Sociedade de Tranvías de Vigo, dou cartos para a construción do camiño de Gondomar a Couso e a praza de abastos, ademais do reloxo da torre do Concello. O concello fíxolle unha homenaxe dándolle o seu nome a unha das rúas da vila.

Dende o Concello de Gondomar, sinalan que esta obra recupera "un dos elementos destacados do patrimonio municipal". Nese senso, sinalan que "O Goberno Local dá así un paso máis na política posta en marcha dende o inicio da lexislatura de priorizar o mantemento do patrimonio e das infraestruturas propias en estado óptimo".