Sábado, 18 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar Antonio Araúxo denuncia a utilización "indiscriminada de herbicidas" en camiños e cunetas de Gondomar.

Antonio Araúxo denuncia a utilización "indiscriminada de herbicidas" en camiños e cunetas de Gondomar.

Correo-e Imprimir PDF
cunetas-herbicidas-gondomar

O concelleiro Antonio Araúxo denunciou esta tarde en nome da Agrupación Nacionalista de Gondomar a utilización indiscriminada de herbicidas por parte do Concello en distintos puntos do municipio. O concelleiro non adscrito (ex BNG), lamentou por outra banda, que as tarefas de limpeza de camiños e cunetas non se faga con veciños en situación de desemprego "como se fixo sempre". O punto será levado ao vindeiro Pleno municipal.

 

Segundo informa o edil nacionalista, varios veciños de Gondomar manifestáronlle a súa preocupación polas consecuencias destes produtos en mananciais, regos de auga, regueiros e hortas situados a carón das zonas tratadas.

En canto á utilización dunha empresa privada nestes labores, en vez da contratación de desempregados, Araúxo sinalou que "A crise ou a falla de recursos non é escusa, primeiro porque non é certo neste caso e porque ademais dende o Grupo Nacionalista do Concello propuxemos hai uns meses que a rebaixa dos salarios das dedicacións exclusivas dos membros do goberno nun 60% (máis de 100.000€ ano) serían abondo para contratar o persoal necesario para estes labores".

O edil manifestou que no vindeiro Pleno municipal de setembro pedirá explicacións ao alcalde Fernando Guitián, por este asunto. O nacionalista afirmou que consultará sobre a "empresa contratada, custes de semellante actuación, tipo de herbicida e das súas características, autorizacións de Medio Ambiente para poder utilizar este sistema de limpeza, etc".