Sábado, 1 Jun. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar O alcalde de Gondomar reclama "responsabilidade" á oposición para tramitar un PXOM que de garantías.

O alcalde de Gondomar reclama "responsabilidade" á oposición para tramitar un PXOM que de garantías.

Correo-e Imprimir PDF
O alcalde Fernando Guitián reiterou a súa intención de aprobar un PXOM consensuado con tódalas forzas políticas.

O alcalde de Gondomar, Fernando Guitián, rexeita as acusacións por parte da oposición de "provocar ou contribuír" á situación de estancamento en que se atopa a redacción do novo Plan Xeral de Ordenamento Municipal. Un comunicado da alcaldía asegura que o propio rexedor dirixe reunións semanais entre técnicos, políticos e o equipo redactor, pondo os medios necesarios para acurtar os prazos na medida do posible. Entre mentres, a administración informa que poderanse dar licenzas en determinados supostos moi restritivos. O rexedor popular reiterou ao seu compromiso de traballar a prol dun modelo urbanístico que conte co consenso das forzas políticas do municipio.

No escrito do Concello, afírmase que se poderán xestionar licenzas no núcleo de Gondomar, "sempre que cumpran co establecido" e "para usos permitidos, talles como vivenda, comercial, administrativo ou hostaleiro entre outros". En canto ao rural, a administración informa que actualmente considéranse "validamente acreditados un total de 15 núcleos, e o resto de núcleos, ata un total de 105, están en fase de estudo da documentación obrante no expediente por parte do equipo xurídico de urbanismo do propio concello, para que cando se outorguen licenzas, estas conten con todas as garantías."

Actualmente o PXOM está en trámites de revisión para axustalo aos informes técnicos da Xunta en materia urbanística, adaptalo ás esixencias do POL, e ao informe do arquitecto municipal. Unha vez emendadas as deficiencias técnicas, "poderemos levar o documento ao pleno para a súa aprobación inicial", informan.

Guitián precisa que como xa o sostivera no pleno, "o criterio básico que expón o goberno consiste no traballo conxunto cos funcionarios responsables de informar o PXOM, para que nas súas respectivas áreas, informen sobre a idoneidade, tanto técnica como xurídica do plan". Para o alcalde isto é fundamental para "poder así seguir adiante e conceder licenzas urbanísticas con plena garantía para os veciños". O resto "sería unha irresponsabilidade que non pensa cometer", aseguran dende a alcaldía.

O gobernante popular recorda á oposición "que este goberno está actuando con total transparencia, propondo a participación de todos os grupos políticos na tramitación do PXOM e no expediente de núcleos a través dunha comisión informativa, e dispondo que en devandita comisión informen periodicamente tanto os técnicos municipais como o equipo redactor acerca dos avances logrados."

Para rematar, insta a todos os grupos a actuar "con responsabilidade e a non utilizar o urbanismo como arma arreboladiza por intereses políticos". O rexedor di que "recolle a man" que ao final do pleno tendéronlle os grupos da oposición "para traballar xuntos na resolución dos problemas urbanísticos, ata conseguir por consenso a aprobación definitiva do PXOM, que é en definitiva o que os veciños de Gondomar queren" manifesta o comunicado..