Venres, 3 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar Polémica pola demora do saneamento en dous barrios de Morgadáns prometida por tres administracións.

Polémica pola demora do saneamento en dous barrios de Morgadáns prometida por tres administracións.

Correo-e Imprimir PDF
saneamento-morgadns

O casco vello de Morgadáns está sen saneamento. Os históricos barrios de O Lago e A Pedra seguen a mandar os seus vertidos ás augas do río a pesar de que a rede pasa a 700 metros. A todo isto un proxecto aprobado hai dous anos está a durmir nos arquivos municipais de Gondomar con tódolos permisos tramitados. Os veciños recibiron tamén en 2009 a visita de Rafael Louzán que lles prometeu que en poucos días comezaban os traballos. Hoxe unha pancarta colgada do aramado do recinto de festas da parroquia denuncia o incumprimento da promesa e esixe a chegada do saneamento.

O día que asinaron o libro Gordo de Petete

Segundo a testemuña dalgúns veciños de Morgadáns, o presidente da deputación, Rafael Louzán chegou acompañado do seu lugartenente Chema Rodríguez e mais Carlos Silva, daquela un dos referente do PP no Concello de Gondomar. Tamén estaba o presidente da Entidade Local Menor, Urbano Esmerode (PP). Entre cámaras e flashes, Louzán percorreu o casco vello de A Pedra e deixou testemuña do seu compromiso nun libro que asinou diante a comitiva e dos veciños. "Debeu ser o libro de Petete", sinalou con anoxo un dos que estiver alí daquela, pois ate de agora non se fixo nada.

A versión de Urbano Esmerode sinala ao ex rexedor nacionalista Antón Araúxo como responsable.

Consultado Urbano Esmerode, afirmou que aquela visita de Louzán estivo motivada nun proxecto da Entidade que tiña por obxecto a mellora do casco vello. Proxecto que daquela estaba valorado nuns 400 mil euros e que comprendía o levantamento das lastras, arranxo do alumeado e colocación subterránea, tarefa que se coordinaría cos traballos de saneamento. A obra tamén incluía a colocación duns fachendosos farois que poñerían en valor a coñecida beleza do casco antigo. A obra tiña que ser custeada pola administración local nun 20% do orzamento o resto o subvencionaba a Deputación. Segundo a versión de Esmerode, ofreceulle a Araúxo, rexedor daquela do Concello de Gondomar, a realización conxunta do proxecto.

"Araúxo díxome que non me metera nunha competencia que non lle correspondía a Entidade", afirmou Esmerode. Despois diso, o alcalde xuntou aos veciños do barrio e se comprometeu ante eles a facer o devandito saneamento, afirma o presidente da Entidade. De feito, Esmerode lembra a aparición na prensa dunha convocatoria por esas obras por valor de 200 mil euros, "unha cifra que non da nin para levantar as pedras", opinou. Foi por iso, afirma, que ante a advertencia do Alcalde Araúxo de denunciarllo por facer cousas que "non eran da súa competencia", deixou "todo quieto", e informou á Deputación.

O ex alcalde Antón Araúxo afirma que deixou todo listo para facer a obra e que as probas están no arquivo do Concello.

A versión do concelleiro Antón Araúxo (BNG) é radicalmente diferente. Araúxo informou que durante a súa xestión elaborouse un proxecto de saneamento e mellora do casco vello de Morgadáns que foi presupostado e solicitados os seus respectivos permisos ante os organismos correspondentes. Cando ese traballo que levou un bo tempo chegou a estar en condicións de ser executado sobreviñeron dous sucesos: un intento de apropiación da iniciativa por parte do Partido Popular e a moción de censura que o deixou fóra da alcaldía.

Cando Urbano Esmerodes e máis Louzán saíron ante os medios e os veciños a falar do proxecto, o Concello xa tiña o seu en trámite, ante o cal o entón alcalde Araúxo ordenou non interferir coa obra. De feito, as publicacións das que falaba Esmerode dunha convocatoria por 200 mil euros, correspondían a primeira fase do proxecto, sinala Araúxo. Un proxecto que "o casualidade, era tamén de uns 400 mil euros", matiza o ex rexedor. Por outra banda, sinala que é certo que fixo unha reunión cos veciños para lles informar o que o concello estaba a facer, logo da visita de Louzán. Unha xuntanza na que lembra se tivo que celebrar pola noite no escenario do recintos de festas, porque Esmerodes lle negou ao alcalde Araúxo o uso da oficina da Entidade, lembra o ex rexedor. Araúxo asegura que xamais recibiu ningún proxecto de Esmerode durante a súa xestión, pola contra nos arquivos do Concello de Gondomar está o que o seu equipo de goberno fixo e deixou pronto para iniciar. Por outra banda, o líder nacionalista opinou que de ser verdade as afirmacións de Esmerode, os populares e mais a Deputación tiveron dous anos para botarlla a andar e non o fixeron.

De momento a pancarta sigue nos arames do recinto de festas de Morgadáns co reclamo dos veciños: Saneamento xa!