Venres, 3 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar De gandeiros, feiras e candidaturas: Primeiras denuncias á Xunta Electoral en Gondomar.

De gandeiros, feiras e candidaturas: Primeiras denuncias á Xunta Electoral en Gondomar.

Correo-e Imprimir PDF
escola-guillufe

O primeiro interdito de campaña en Gondomar chegou por mor das vacas e os cabalos do Val Miñor. O sábado pasado Urbano Esmerodes (PP) presidente da Entidade Local Menor de Morgadáns citou a un grupo de gandeiros e chamou á prensa para que recollese a xuntanza. O motivo da reunión foi presentar un anteproxecto dunha feira gandeira mensual e a construción dun conxunto de instalacións veterinarias no barrio de Prado no paraxe coñecido como As Moutas. O feito foi cualificado pola oposición como unha forma encuberta de facer campaña electoral polo cal O BNG e o PSOE deron conta a Xunta Electoral dos feitos. A nova lei que rexe os actos comiciais restrinxe a campaña a unhas dous semanas previas ao 22 de maio, cunha prohibición expresa aos candidatos que ocupan cargos de goberno a presentar obras ou proxectos das súas administracións con fines de publicidade.

A xuntanza no barrio de Prado levouse a cabo coa presenza do candidato popular Fernando Guitián, quen asegurou a Valminor.info que concorreu a instancias dunha invitación de Esmerode co fin de que estivese ao tanto do proxecto. Por outra banda, ese mesmo día sobre as 20 horas, os populares tiñan prevista unha reunión cos afiliados e simpatizantes nas instalacións da Escola de Guillufe, tamén na parroquia de Morgadáns. Segundo Guitián, a reunión era aberta e tiña como obxectivo presentar a súa candidatura nesa parroquia. No acto estivo presente ademais do equipo que acompaña ao candidato popular o presidente da Entidade, Urbano Esmerode.

Xaime Lugilde, vogal do BNG en Morgadáns denunciou publicamente a Urbano Esmerode por utilizar as instalacións da escola cando como presidente da Entidade as negou aos nacionalistas e mais aos comuneiros de traída de augas, por mor dunha resolución adoptada no pleno da corporación menor e baseada en "que a Escola, feita polos emigrantes de Morgadáns, non estaba para eses usos". Luxilde, ademais de denunciar "a diferente vara de medir" que utiliza Esmerode "segundo os intereses persoais ou partidarios", presentou un escrito na Xunta Electoral dando conta dos feitos e instando ás autoridades a investigar posibles violacións da vixente normativa electoral.

Tamén os socialistas manifestaron o seu desagrado polas actividades desenvolvidas por Urbano Esmerode, ao que acusaron de "copiar" unha iniciativa que os socialistas xa ven divulgando nas súas xuntanzas polas parroquias de Gondomar. De feito o pasado xoves 31 de marzo Francisco Ferreira, candidato do PSOE a alcalde de Gondomar estivera reunido con dirixentes e afeccionados ao mundo dos cabalos así como cos presidentes dos curros, coa intención de reflotar as feiras de San Bieto de inverno e verán, así como outras iniciativas nesa área. Ademais de cuestionar o lugar elixido por Esmerode para proxectar a feira gandeira pois atópase nun enclave de incalculable riqueza arqueolóxica (mámoas, petróglifos, muíños milenarios), ao igual cos nacionalistas entende que a xuntanza ben podería amosar un caso de acto de campaña encuberto. De feito o PSOE tamén deu a orde de ingresar a súa denuncia ante a Xunta Electoral.