Martes, 7 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar O BNG denuncia retraso nas obras das beirarrúas no centro de Gondomar e o perigo de accidentes.

O BNG denuncia retraso nas obras das beirarrúas no centro de Gondomar e o perigo de accidentes.

Correo-e Imprimir PDF
Obras paralizadas na Praza Manuel Alonso

Mercar no supermercado, xogar á Primitiva, visitar a sede do BNG ou ingresar nalgunha das vivendas pode converterse nun acto perigoso para os viandantes das beirarrúas da Praza Manuel Alonso, no centro de Gondomar. En obras dende o pasado mes de decembro, os traballos levan varias semanas sen progresar e a desfeita cobrou unha vítima o pasado luns segundo unha denuncia formulada polo BNG á prensa.

" Sen ir máis lonxe este luns unha persoa maior sufriu unha caída por causa destas obras dunha certa gravidade, e polo que sabemos no BNG vai supoñer unha nova reclamación patrimonial ao Concello por vía xudicial que teremos que pagar todos os contribuíntes." afirma o concelleiro e ex rexedor Xosé Antón Araúxo.

Nun escrito, o concelleiro critica tamén a decisión do goberno municipal de iniciar as obras en pleno Nadal, nunha zona de natureza comercial. Segundo Araúxo os "fenómenos" do goberno municipal "cortaron o tránsito", "dificultaron o ingreso as vivendas e nos garaxes aos veciños" e outros prexuízos. "Iso si, por alí pasou medio goberno local para que todo o mundo os mirase “xestionar”", agrega.

Obras paralizadas segundo o BNG.

"O caso é que despois de poñer patas arriba a zona e de comezar malamente as obras, dende hai un mes alí non se volveu tocar, estando na actualidade as obras paradas e tal coma se miran nas fotos. Onde están os eficaces xestores municipais?, onde están as autoridades do goberno que por alí pasaban a diario?" pregúntase o ex rexedor no comunicado. Segundo Araúxo esas obras deberían estar rematadas aos 15 días.

Os nacionalistas esixen o remate inmediato das obras e a convocatoria ao Pleno.

Araúxo opina que " Desgraciadamente nos últimos tempos isto vén sendo habitual (que os cidadáns paguen a ineficacia do goberno), ben en casos coma este, ben pola perda de axudas ou subvencións de todo tipo. Dende o BNG pedirémoslle explicacións ao goberno no vindeiro pleno ordinario, se é que o convocan, pois xa que levamos dous meses sen pleno ordinario, ao mesmo tempo que lle esiximos o remate inmediato das obras ."