Venres, 3 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar O BNG reitera a petición de renuncia ao alcalde de Gondomar

O BNG reitera a petición de renuncia ao alcalde de Gondomar

Correo-e Imprimir PDF

O Bloque Nacionalista Galego de Gondomar quedou fóra do pleno da Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo porque non recibiu a convocatoria que debía enviar o Concello de Gondomar a súa representante, a concelleira María Luisa Varela, segundo denuncia feita pola organización nacionalista. A irregularidade foi denunciada formalmente polo BNG e o concelleiro Antón Araúxo informou que se está a estudar a posibilidade de impugnar o pleno por mor dun defecto grave na convocatoria.

Ao mesmo tempo, os nacionalistas emitiron un comunicado onde cuestionan o permanente absentismo dos representantes do goberno tripartito nas instancias supramunicipais. O escrito comeza cuestionando a situación da administración ante a falla dun alcalde a tempo completo, e textualmente di: “A primeira obriga dun alcalde é a súa dedicación en exclusiva ao seu concello. Un alcalde éo as 24 h. do día e para iso soen ter unhas remuneracións razoablemente substanciosas. Pois ben, iso que todo candidato, con ou sen aspiracións, ten moi claro dende o principio, no caso de Gondomar non é así. O noso alcalde preferiu arranxar os seus asuntos particulares con Caixanova que atender as obrigas cos cidadáns de Gondomar cos que seica se comprometeu cando a moción de censura. Agora nin aparece polo Concello, nin ás mañás nin polas tardes. No BNG ignoramos o sistema que teñen argallado para asinar o volume inxente de documentación que a diario xera o noso Concello. Supoñemos que igual que hai 50 anos lle levan os papeis a asinar ao seu traballo, ou a unha cafetería. Unha burla á cidadanía.”

O documento continúa coa denuncia da falta de asistencia ás instancias supramunicipais, e afirma que “nos dous últimos plenos da Mancomunidade do Val Miñor non asistiu ninguén do Goberno Municipal (e son catro os membros representados), o BNG si asistiu como quedou patente no último pleno o pasado luns. Este martes 21, tampouco asistiu ninguén do Goberno Municipal á presentación do proxecto de Área Metropolitana de Vigo, abonda con ver a foto dos xornais. Onte mércores pasaron olimpicamente de asistir ao pleno da Área Intermunicipal de Vigo, e o máis grave, nin convocaron á representante do BNG de Gondomar nese pleno, algo ilegal que xa foi denunciado polos nosos compañeiros no propio Pleno. Por último, no mes de novembro non convocaron o pleno ordinario dese mes, e o correspondente a decembro tampouco será convocado, nin ordinario nin extraordinario. Isto é a proba evidente das diverxencias que actualmente hai no seo do goberno municipal e do medo escénico a se enfrontar nos plenos á oposición firme e coherente do BNG. E mentres os intereses de Gondomar sen defender alí onde están en xogo.”

A consecuencia desto o BNG entende que o tripartito non garda as “mínimas formas democráticas” e reitera a petición formulada dende hai tres plenos “volvemos a reiterar a nosa petición de dimisión do Alcalde (Martín Urgal) se é que aínda lle queda algo de dignidade, que se vaia e que poñan outra persoa ao fronte da Alcaldía con ganas de traballar se é que ateñen. Reiterámoslle tamén ao PP, e ao seu presidente Louzán, que actúe en Gondomar canto antes, priorizando o interese xeral porriba do seu particular e partidario. Gondomar non merece isto”, remata o escrito asinado polo concelleiro e candidato a alcalde polo BNG, Antón Araúxo Quintas.