Venres, 3 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar O BNG denuncia ao goberno de Gondomar pola renuncia aos obradoiros de emprego.

O BNG denuncia ao goberno de Gondomar pola renuncia aos obradoiros de emprego.

Correo-e Imprimir PDF
paulinho-del-ro

O BNG denuncia ao goberno municipal de Gondomar de renunciar voluntariamente aos obradoiros de emprego que financia a Xunta de Galicia e que podería dar traballo por un ano a 45 gondomareños en situación de desocupados. A partida do orzamento 2009 que tiña que aportar o municipio a tal fin foi utilizada pola concelleira Natalia Salgueiro para outros gastos, quedando o concello imposibilitado de acceder a subvención, segundo os nacionalistas.

O goberno de Gondomar anunciou o establecemento dun Obradoiro de Emprego con dous módulos de ebanistería e xardinería ao abeiro da Orde da Consellería de Traballo e Benestar de 18 de marzo de 2010, o acordo foi tomado pola Xunta de Goberno Local, na súa reunión de 10 de xuño e remitido á Xunta de Galicia a solicitude de subvención o 11 de xuño, catro días antes do límite do prazo, segundo informa o comunicado do BNG.

O proxecto foi redactado pola Unidade de Promoción de Desenvolvemento da Deputación de Pontevedra. A subvención pedida á Consellería de Traballo e Benestar era de 983.078,10€.A duración do proxecto era de 12 meses e ocuparía a 45 alumnos-traballadores, e ademais o persoal directivo, técnico e especialista nas materias, segundo a mesma fonte.

O Concello tiña que financiar a parte do custo do proxecto non subvencionado pola Consellería. Con este fin segundo o BNG," a Intervención do Concello certificou o 23 de setembro de 2010 que no Proxecto de Orzamento Xeral de 2010, aprobado inicialmente por acordo Plenario de 21 de setembro de 2010, existía creto adecuado e suficiente por importe de 93.000€ destinado ao Obradoiro Carpintería-Ebanistería . "

Segundo Pauliño del Río, portavoz do BNG "oh sorpresa, esta partida sufriu variacións relevantes na aprobación definitiva do orzamento, e así cando se aprobou definitivamente o Orzamento de 2010(Pleno 28 outubro), esta partida foi destinada a outros gastos. Sen que a concelleira de Persoal e Economía e Facenda (Natalia Salgueiro), preguntada ao respecto, tivese a ben contestar pola eliminación do crédito para este proxecto. O que imposibilita a súa execución. " De feito nese pleno a concelleira afirmou que os obradoiros se ían facer de todas formas (ver crónica do pleno).

Os nacionalistas entenden que a renuncia do goberno tripartito neste momento de crise económica e desemprego " só se pode cualificar de acto temerario e irresponsable". E agrega que "De novo a insensibilidade social, a falla de rigor e de compromiso co emprego e o benestar social, quedan patentes xerando na cidadanía un clima de absoluta desconfianza e receo ante este goberno incapaz de levar adiante calquera proxecto importante."

A misiva remata coa enquisa "Que lle dirán agora ás ducias de persoas a quen lle prometeron un posto no Obradoiro? Terán o valor de mirarlles á cara e desculparse? A quen lle botarán, desta volta, as culpas?"