Domingo, 5 Dec. 2021

Actualizado04:28:43 PM GMT

Estás en Gondomar O Servizo Galego de Saúde abre dende hoxe os seus centros de saúde de Tui e Gondomar pólas tardes

O Servizo Galego de Saúde abre dende hoxe os seus centros de saúde de Tui e Gondomar pólas tardes

Correo-e Imprimir PDF
Servizo Galego de Saúde incorporou hoxe, aos cadros de persoal dos centros de saúde de Tui e de Gondomar, a un total de sete novos profesionais entre profesionais da Medicina, da Enfermaría, da Fisioterapia e persoal de Servizos Xerais. Este incremento dos recursos humanos destes centros posibilitan, á Xerencia de Atención Primaria da Área Sanitaria de Vigo, constituír dúas novas unidades de tarde nestes centros de saúde, que hoxe mesmo comezan a prestar asistencia.

Así, ao centro de saúde de Tui incorporouse un profesional médico de familia, unha enfermeira, unha persoa de Servizos Xerais e un fisioterapeuta. Este novo equipo de profesionais atenderán aos usuarios en horario de 13.00 a 20.00 h.

Do mesmo xeito, no centro sanitario de Gondomar incorporouse un médico de familia, unha enfermeira e un PSX que tamén pasarán consulta nesa mesma franxa horaria.

Mellora da atención sanitaria
En xeral, con estas novas dotacións asistenciais increméntase considerablemente a calidade prestada á poboación dada a mellora da accesibilidade horaria ofertada; ao tempo, mellórase tamén, de xeito importante, as condicións laborais dos profesionais sanitarios, xa que os novos efectivos permiten unha redistribución de cota e, conseguintemente, diminuír e equiparar a carga de traballo entre o resto dos compañeiros, co obxectivo de conseguir, de cara ao 2011, unha ratio de médico por habitante de 1.250 tarxetas sanitarias.

Ademais da actividade asistencial, nos centros nos que estea implantada a xornada de tarde, tamén poderanse realizar trámites administrativos, como son, ademais da xeneralización do sistema de cita previa, os cambios de médico, a modificación da tarxeta sanitaria individual e a xestión do arquivo de historias clínicas.

Máis recursos en Atención Primaria
Nos últimos tempos a sanidade pública galega está a realizar un esforzo importante, tanto a nivel de investimentos como organizativos, en mellorar a atención primaria galega. Para isto ten deseñado un Plan de Mellora de Atención Primaria 2007-2011 no que se establecen e comprometen obxectivos a acadar neste nivel asistencial.

Neste contexto enmárcase o importante incremento de recursos humanos que están experimentado os cadros de persoal dos centros de saúde da área viguesa. Así, só durante este mes de febreiro foron 45 os novos profesionais que se incorporaron a atención primaria desta área sanitaria.

Ademais do incremento de recursos humanos previstos, o Plan de Mellora de Atención Primaria contempla unha serie de melloras que redundarán nunha maior calidade asistencial co obxecto de ampliar a capacidade de resolución dos centros de saúde.

Este conxunto de melloras fanse de cara a conseguir unhas ratio de médico por habitante de 1.250 tarxetas sanitarias, tamén para mellorar as condicións de traballo dos profesionais, e para desburocratizar e axilizar a xestión das áreas administrativas (cita previa, cambio de médico, cita especializada, receitas de crónicos, ou partes de baixa).