Domingo, 10 Nov. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Especiais Eleccións 24 M Nigrán Decide e PSOE aínda non iniciarion conversas tras o 24M

Nigrán Decide e PSOE aínda non iniciarion conversas tras o 24M

Correo-e Imprimir PDF
Juan Gonzalez (PSOE) e Jose Cuevas (Nigrán Decide SON)

Nigrán Decide manifesta estar conforme cos resultados do 24 M nos que obtivo 880 votos e 2 edís na nova corporación. José Cuevas Raposo e Anxo Mosquera Nogueira son os integrantes desta agrupación na nova corporación que seguramente terá ao que xa fora tenente de alcalde, Juan González (PSOE), como alcalde. Investidura para a que José Cuevas adianta que por descontado apoiarán, aínda que deberá decidilo a asemblea da agrupación. Por outra banda, Cuevas non mantivo aínda ningún tipo contacto con González tras a celebración dos comicios, segundo puido saber este medio.

Pese a isto, as conversas informais dende ambas agrupacións sinálase que hai "boa sintonía" para acadar os acordos necesarios, aínda que ninguén adianta se se fará cunha alianza para integrar o futuro goberno de Nigrán. Todo apunta a que os primeiros contactos terán lugar de cara á próxima fin de semana ou nos primeiro días da seguinte.

Nigrán Decide atribúe o seu éxito electoral á inserción social dos partidos e persoas que integraron a coalición.

Pasados os comicios do 24M as agrupacións inician os primeiros movementos cara á nova composición da corporación de Nigrán. Á vez reúnense para definir e o seu papel na designación do novo alcalde, que pese á maioría simple do PSOE con 3.411 votos e 7 edís, precisará dun acordo cara á investidura do seu candidato Juan González.

A todo isto, "unha marca nova" como así se defíne para sí Nigrán Decide, dá a coñecer a súa interpretación dos 880 votos obtidos e que lle permitiron acadar 2 concelleiros: "NIGRÁN DECIDE non saíu da nada" afirman. Nese senso atribúen o éxito ás "organizacións políticas que sustentan a coalición, como ás persoas que se incorporaron á candidatura e á asemblea que lle dá cobertura", explican desde a agrupación nun comunicado asinado polo futuro corporativo José Cuevas e o nacionalista, Xosé Manuel García Crego. "Estamos satisfeitos porque a xente de Nigrán decidiu dar carpetazo a un sistema de goberno e a un alcalde personalista" sinalan e referencia ao fracaso electoral do PP e o alcalde Alberto Valverde. Realidade que aseguran cambiarán coa participación desta nova corrente integrada por persoas que "vimos de anos de traballo de base, integradas no movemento veciñal, na loita de defensa medioambiental, no activismo cultural... como na acción política directa. Coñecemos Nigrán e as súas parroquias, temos ideas e ímolas pór ao servizo da xente".

Un tempo de esperanza para Nigrán

"Os resultados electorais do 24M traen para Nigrán un tempo de esperanza", aseguran dende Nigrán Decide. Decláranse partidarios de "abrir as portas" do Concello á participación veciñal nomeadamente nos grandes desafíos en materia de planificación e organización municipal. Fincapé especial en que "toda actividade se desenvolva dun xeito absolutamente transparente".

Para iso confían na "renovación total no quefacer diario" e que o novo goberno dea prioridade á solución dos "grandes problemas e máis inmediatos" das persoas. Con propostas de desenvolvemento para acadar unha "mellora das condicións de vida nas parroquia e para todo o pobo".