Venres, 26 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Sociedade O Ceip Belesar procura gañar unha votación popular en Internet a prol do seu proxecto de patrimonio.

O Ceip Belesar procura gañar unha votación popular en Internet a prol do seu proxecto de patrimonio.

Correo-e Imprimir PDF

O alumnado de 6º de Primaria do CEIP Belesar de Baiona, participa coma único representante galego nun concurso español sobre o Patrimonio de cada Comunidade. O seu proxecto sobre o camiño portugués da costa está a competir con outros de todo o Estado. O resultado final dirímese nas redes, pois o máis votado conseguirá 5 mil euros para asistir a unha viaxe didáctica a algúns dos monumentos ou lugares declarados Patrimonio da Humanidade pòla UNESCO. A dirección do colexio solicita o apoio dos veciños do Val Miñor votando a prol deste traballo na seguinte ligazón: http://reaj.com/patrimoniocolegios.html

Segundo explica Paz Rodríguez Peleteiro, directora do CEIP Belesar (Baiona), na convocatoria tiñan que escoller un dos bens declarados Patrimonio Mundial da súa comunidade ou algún aloxamento e Albergues da REAJ e facer un vídeo sobre ela. No caso de Galicia, podíase escoller entre a cidade vella de Santiago, a Torre de Hércules, a muralla de Lugo ou o Camiño de Santiago.

“Escollemos o Camiño de Santiago, xa que a ruta portuguesa da costa  pasa polo noso concello de Baiona. Fixemos tramos da ruta que discorre polos montes de Baredo, rúas do casco histórico de Baiona, Santa Cristina, a calzada real, as pontes de Sabarís e a ponte románica de A Ramallosa”, explica a directora.

“No vídeo quixemos reflectir que o camiño para nós é como a vida, chea de momentos que podes compartir con xente, con momentos difíciles nas que agradecerás unha man que te axude, palabras ou frechas que te orientarán cando non saibas o rumbo, pasos que pouco a pouco te van levando cara onde ti queiras. Cada etapa unha oportunidade de crecer”, sinala.

Relata que o alumnado de Belesar “gozou co camiño, e gravando o vídeo, no que levaron tamén traxes tradicionais galegos. Gravamos nos exteriores do Albergue Xuvenil Altamar de Vigo, xa que é o mais próximo a nosa localidade. Editamos o vídeo e o mandamos a Reaj”.

Agora, desde este venres 17 de abril ata o luns 4 de maio haberá unha votación e o colexio que máis votos consiga, logrará a máxima puntuación neste apartado. O premio é de 5000 euros para organizar unha viaxe de fin de curso co alumnado a un dos lugares do Patrimonio Mundial da Unesco.

“Precisamos da vosa colaboración para que o colexio de Belesar, representante da Comunidade Galega e do Camiño de Santiago, supere en votos aos outros tres coles da península” salienta a directora, que lembra que pódese votar “todos os días polo móbil, tablet, ordenador,…, as familias están compartindo cos seus contactos nos grupos....”