Luns, 29 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Sociedade Domingo de Corpus e alfombras florais en Gondomar: crónica e historia.

Domingo de Corpus e alfombras florais en Gondomar: crónica e historia.

Correo-e Imprimir PDF
Corpus3
Corpus
Corpus2
Corpus4
Corpus5
Corpus6
Corpus7
  • Anterior
  • 1 of 7
  • Seguinte

Malia a ameaza de choiva, Gondomar volveu amencer  cuberto de mantos florais elaborados por diversos grupos veciñais. Exactamente foron 700 metros cadrados cubertos por estes segundo estimacións do Concello. O espectáculo multicolor que acompaña na vila a celebración do Corpus Christi dende a década dos 60’ do século pasado, amosou motivos infantís -elaborados polos propios nenos e nenas-, xeométricos, florais e ata deportivos, cun manto co escudo do Gondomar Club de Fútbol no ano do seu centenario.

Como xurde a tradición en Gondomar?

Segundo da conta o mestre gondomareño Miguel Anxo Mouriño, no libro retallos de GONDOMAR DE MIÑOR (IEM, 2012), sobre o ano 1959 veu destinado a Gondomar un garda civil de Ponteareas, cuxo fillo, xa mozo, convidou a varios rapaces da vila a imitar a ornamentación das rúas con alfombras de Corpus, actividade na que participara no anterior destino de seu pai.

“A idea callou e enseguida se formou un animoso grupo que organizou e liderou a confección dos primeiros tapices”, sinala Mouriño. O mestre que tamén participara daquelas primeiras incursións pola “arte efémera” das alfombras, lembra os nomes dalgúns dos pioneiros: Diego Viruel (sarxento de policía municipal) e mais Ramiro Valenzuela “Milucho”, veciños da vila.

Así, a realización dos tapices florais en Gondomar conta cunha gran tradición semellante á doutros concellos da contorna. Con todo, o Corpus Christi da vila condal, presenta unha particularidade que a diferenza. Trátase da alfombra da escalinata de San Bieito, un tapiz floral que cobre cada un dos 40 chanzos que a compoñen, tanto no seu parte horizontal como na vertical, adherindo nesta pétalos e follas, facendo que a súa confección sexa moito máis complexa.

Semanas de traballo e participación veciñal

Para esta edición, durante un mes aproximadamente, os distintos grupos de traballo reuníronse na carpa situada na Alameda do municipio e nos distintos centros culturais das parroquias co obxectivo de coordinar os traballos de elaboración destas tradicionais alfombras. Nestes últimos anos, ademais dos grupos de traballo que se reúnen todos os días na carpa situada na Alameda e no barrio de Caxide, tamén participan neste evento, veciños das parroquias de Chaín, Couso, Mañufe e Vincios.

Tras duras semanas de traballo, a xornada do sábado poñía punto e final a todos eses preparativos e daba comezo á verdadeira confección dos mantos. Mirando ao ceo, a choiva ameazaba con dificultar os labores. Desde as cinco da tarde, e ata as primeiras horas do domingo, centos de veciños déronse cita para poñerse ao choio e trasladar ás rúas do municipio os deseños dos tapices. Para que o traballo resultase menos duro, grupos de música da zona achegáronse ás rúas de Gondomar para amenizar aos alfombristas. Ademais, o Concello habilitou, desde as 19.00 horas, música ambiental nestes puntos. A partir das 02.00 horas, desde megafonía retransmitiuse un programa de radio en directo sobre o Corpus, con opinións e testemuños dos propios alfombristas.

Outro ano máis, a colaboración cidadá foi de vital importancia. Veciños de toda a comarca do Val Miñor envorcáronse con esta tradición e doaron centos de flores para que Gondomar enchésese de cor esta mañá.

Ignacio Troncoso, concelleiro de Cultura, agradece a enorme participación deste ano. "Aínda que os grupos de traballo mantéñanse, si é certo que este ano creceu o número de persoas que os forman. Estaremos en torno a 500 persoas traballando para sacar adiante o Corpus deste ano”. O edil, mostrouse moi satisfeito e agradecido con todas as persoas que colaboraron e achegaron as súas flores para que as agrupacións puidesen sacar adiante os seus traballos.

Procesión ata o Concello

A procesión tivo lugar ás 12:45 na igrexa de San Bieto, trala solemne misa de Corpus Christi.

A comitiva partiu da escalinata da igrexa, e percorreu as rúas Eduardo Iglesias, Ángel Urzáiz, Párroco Mariño para regresar pola Alameda cara ao templo católico. O acto contou co acompañamento da banda de música Agrupación Musical de Vincios.