Luns, 29 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Sociedade Os cativos do CEP Sabarís gañan unha viaxe ao parque acuático de Cerdeda pola labor de reciclaxe.

Os cativos do CEP Sabarís gañan unha viaxe ao parque acuático de Cerdeda pola labor de reciclaxe.

Correo-e Imprimir PDF
7892 o-cep-sabaris-de-baiona-faise-co-primeiro-premio-do-concurso-escolar-quotreciclate-con-sogamaquot

-O CEP Sabarís de Baiona faise co primeiro premio do concurso escolar "Recíclate con Sogama"
-O presidente de Sogama, Luís Lamas, desprazarase este xoves, día 19, ao centro escolar para felicitar persoalmente aos profesores e alumnos que participaron na iniciativa e proceder á entrega do galardón, que consiste nun vale cambiable por importe de 1.000 euros para material escolar, así como 150 entradas para o Aquapark de Cerceda.
O CEP Sabarís co seu proxecto "Reciclándonos", proclamouse campión do concurso escolar correspondente ao programa "Recíclate con Sogama", enmarcado á súa vez no Plan Proxecta da Xunta de Galicia. O segundo posto recaeu no CEIP Ntra Señora da Asunción de Sarria, e o terceiro, no CEIP Santa María da Fonsagrada, ambos os dous na provincia de Lugo.

A definición non foi doada para Sosgama
Segundo explica a entidade, o magnífico labor desenvolvido "por todos eles non facilitou a tarefa de avaliación", na que se analizaron seis baremos. Mentres que os tres primeiros referíanse ao Plan Proxecta en xeral, medindo a adquisición de competencias básicas para a convivencia, a influencia sobre outros colectivos sociais tales como o profesorado e as familias, e a capacidade para incluír o medio ambiente, e máis concretamente, a xestión e tratamento dos residuos urbanos, nas distintas disciplinas a impartir nas aulas, os tres últimos criterios circunscribíronse específicamente ao programa de Sogama, cuantificando a calidade dos materiais depositados nos contedores que conforman as illas de reciclaxe, a implicación das familias e ata a dos propios concellos.
Fomentar a recollida selectiva en orixe
Os 17 centros escolares que durante este curso académico participaron en "Recíclate con Sogama" empregáronse a fondo para facer unha boa selección dos desperdicios en orixe e depositalos nos contedores axeitados. Para isto, a empresa pública facilitoulles os medios divulgativos (unidades didácticas, powerpoint, videocontos, folletos, carteis, etc), así como os medios materiais necesarios; é o caso dos tres contedores (amarelo, azul e verde) de 120 litros de capacidade cada un que conforman as illas de reciclaxe e onde a comunidade educativa veu depositando os envases lixeiros (envases de plástico, latas e briks), o papel/cartón e a fracción resto. Ademais, aos centros que dispoñen de servizo de comedor subministrouselles un composteiro para poder fabricar abono natural a partir da materia orgánica xerada.
Cada centro desenvolveu o seu propio proxecto, levando a cabo as actividades necesarias para dotalo de contido e lograr o fin último do mesmo, que non era outro que separar correctamente as distintas fraccións que conforman o lixo e depositalas nos recipientes axeitados para posibilitar o seu posterior reciclado.
O proceso de aprendizaxe reforzouse co xogo xigante dos refugallos, unha ferramenta pedagóxica coa que os pequenos puideron complementar e perfeccionar os seus coñecementos, poñendo a proba a bagaxe adquirida na materia, e todo isto dende a diversión e o entretemento.
O labor desenvolvido polos colexios participantes de distintos puntos de Galicia resultou encomiable en todos os casos, tanto polo interese demostrado cara ao proxecto, como pola súa especial sensibilidade na xestión sostible dos residuos, convencidos de que na práctica do principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) reside a verdadeira estratexia para facer fronte á problemática derivada da inxente cantidade de lixo e a necesidade de darlle un tratamento axeitado trala redución do mesmo e o máximo aproveitamento dos produtos.
Entrega de premios
Este xoves, día 19, o presidente de Sogama, Luís Lamas, desprazarase ao CEP Sabarís de Baiona para felicitar persoalmente aos alumnos e profesores implicados na iniciativa e facer entrega do premio. O galardón consiste nun vale cambiable por 1.000 euros para material escolar, ademais de 150 entradas para o Parque Acuático de Cerceda, posibilitando desta forma que os pequenos poidan gozar dunha xornada no único Aquapark de Galicia.
O segundo clasificado será gratificado cun vale cambiable por valor de 700 euros, e o terceiro, cun de 300 euros.