Luns, 29 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Sociedade O Comité de Empresa da TVG critica a emisión das fotos de Asunta na canle pública

O Comité de Empresa da TVG critica a emisión das fotos de Asunta na canle pública

Correo-e Imprimir PDF
112tvg

O pasado 4 de xuño o programa Galicia112, emitido pola TVG, difundía en exclusiva unhas novas e polémicas imaxes de Asunta Basterra, a nena que apareceu asasinada o pasado mes de setembro en Teo. As fotografías, cualificadas de "duras","escabrosas" ou "macabras" foron reveladas en exclusiva por este espazo, responsabilidade da produtora Pórtico, e despois repetidas en xornais e programas de televisión de toda España. Tamén, con insistencia, nos informativos da propia TVG.

O Comité de Empresa da TVG vén de difundir un comunicado no que "condena" que a canle pública sacase á luz estas imaxes, filtradas do sumario xudicial. A representación dos traballadores e traballadoras considera que estas fotografías están protexidas polo dereito ao honor e á intimidade da menor e que a súa emisión, "ademais de contravir todos os códigos deontolóxicos, podería vulnerar gravemente tamén a Lei do Menor". O Comité "lamenta" que fora "precisamente" a canle pública galega a primeira responsable da emisión, o que -destacan- sitúa a TVG "na orixe dunha grave irresponsabilidade intolerable nun medio de comunicación público".
A este respecto, o Comité condena tamén o tratamento informativo que posteriormente lle deron a esa exclusiva os informativos Bos Días, Galicia Noticias, Telexornal Mediodía e Telexornal Serán "que, ao optaren por reproducir de novo as imaxes en cuestión, antepuxeron o criterio das audiencias ao da responsabilidade e o cumprimento da lexislación, o mesmo que lamentablemente fixeron a web e o facebook da Compañía".
Estas críticas únense ás que o pasado venres realizou a Asociación de Medios en Galego. A entidade sinalou que a difusión destas imaxes se afastaba "da ética informativa e cidadán máis básica" e denunciou que algúns medios "parecen regocixarse na exaltación dos peores instintos humanos, somentes guiados pola máis ruín búsqueda de audiencias".
O comunicado do Comité de Empresa da TVG tamén chama a atención sobre o feito de que o responsable da emisión destas fotografías fose un programa realizado por unha produtora externa á compañía. E neste senso denuncia "a incompetencia e a falta de profesionalidade e criterio dos responsables da programación e do control de contidos da canle pública por non ter paralizado a tempo a emisión desas imaxes".