Xoves, 29 Jun. 2017

Actualizado10:28:06 AM GMT

Estás en Canais Economía A Deputación aproba o cofinanciamento 2016 para os servizos sociais municipais

A Deputación aproba o cofinanciamento 2016 para os servizos sociais municipais

Correo-e Imprimir PDF
mans colores

Achegaranse máis de dous millóns de euros para os 53 concellos da provincia de Pontevedra de menos de 20.000 habitantes que poden así facer fronte aos servizos sociais comunitarios básicos. Os concellos miñoranos de Baiona, Gondomar e Nigrán recibirán as achegas por ter presentadas a tempo as respectivas solicitudes, segundo da conta a comunicación provincial.

A Xunta de Goberno vén de aprobar o Plan de Cofinanciamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais en 2016 para os cincuenta e tres concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, cun importe global de 2.120.177,43 €. A finais de maio rematou o prazo para que os municipios presentasen as súas solicitudes para adherirse a este Plan, polo que agora a Deputación lle dá o visto bo. Así mesmo, o Goberno provincial aprobou o pagamento anticipado do 35% do importe das achegas concedidas aos concellos ao abeiro deste plan, en concreto, un total de 742.061,95 € para os cincuenta e tres municipios.

Os concellos beneficiarios recibirán as correspondentes contías para costear dous tipos de gastos, os do persoal que atende os servizos municipais básicos municipais e os do servizo de axuda no fogar básico. Dos máis de dous millóns de euros deste plan, en concreto para gastos de persoal achegaranse 920.035,08 €, mentres que 1.200.142,45 € se destinan para o servizo básico de axuda no fogar.

O Plan de Cofinanciamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais da Deputación de Pontevedra ten por obxectivo proporcionarlles asistencia económica aos concellos de menos de 20.000 habitantes nas súas competencias en materia de servizos sociais comunitarios básicos.

Benefícianse deste Plan os cincuenta e tres concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. En concreto, son A Cañiza, A Guarda, A Illa, A Lama, Agolada, Arbo, As Neves, Baiona, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Catoira, Cerdedo, Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, Dozón, Forcarei, Fornelos de Montes, Gondomar, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Mondariz Balneario, Moraña, Mos, Nigrán, O Grove, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Ponte Caldelas, Pontecesures, Portas, Ribadumia, Rodeiro, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vila de Cruces, Vilaboa e Vilanova de Arousa.