Venres, 17 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Economía A Xunta financia seis empresas xornalísticas con 500.000 euros en catro meses

A Xunta financia seis empresas xornalísticas con 500.000 euros en catro meses

Correo-e Imprimir PDF
Treito do programa do PP en 2009 coas referencias as axudas aos medios

Nova remesa de cartos. Aínda que o leit motiv gobernamental é, dende hai anos, a escaseza de orzamentos e, xunto a el, a necesidade de garantir a eficiencia de "cada euro" investido, así como a "transparencia" da xestión da cousa pública, a Xunta mantense firme nunha práctica que os gabinetes de Manuel Fraga converteron en piar fundamental da súa xestión, que o bipartito non eliminou e que Feijóo segue a practicar con intensidade malia prometer, como PSdeG e BNG, que a eliminaría. As achegas de cartos ás principais empresas de comunicación do país sen que medie concurso público son unha constante. As últimas superan os 500.000 euros en apenas catro meses.

 

En virtude da normativa derivada da Lei de Transparencia do bipartito (2006) a Secretaría Xeral de Medios, órgano dependente da Presidencia da Xunta, vén de facer públicos os convenios formalizados no segundo cuadrimestre do ano, isto é, entre abril e agosto. O ente gobernamental asinou vinte convenios con seis das principais empresas editoras de Galicia, entre as que repartiu discrecionalmente un total de 529.899,99 euros. As finalidades oficiais destas achegas son, teoricamente, dúas: o "fomento da lectura da prensa escrita entre os alumnos de centros docentes públicos non universitarios", co que se financian cabeceiras impresas, o fomento "das novas tecnoloxías da información e comunicación" entre o mesmo alumnado, esta para as achegas ás súas versións dixitais.

As achegas sen concurso público son a vía máis habitual para financiar os medios dende a Xunta, tal e como advertiu o Consello de Contas

A empresa que suma máis cartos neste reparto de convenios é La Voz de Galicia, S.A. e a súa filial Canal Voz, con 232.479,92 euros entre as dúas. Séguena as empresas editoras de Faro de Vigo e La Opinión de A Coruña, ambas pertencentes ao mesmo grupo, con 129.187,02 euros. O seguinte conglomerado empresarial con máis cartos neste reparto é o Grupo El Progreso -que vén de despedir 10 persoas-. Entre Lérez Ediciones, que edita Diario de Pontevedra, e a matriz El Progreso os ingresos por estes convenios chegan aos 51.336,27 euros. Completan o reparto o grupo editor de La Región e Atlántico Diario, con 43.425,38 euros, a Editorial Compostela (El Correo Gallego), con 34.045,50 euros, e a Editorial La Capital (El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa), á que lle inxectan 39.425,90 euros.

Estas achegas por vía discrecional e sen concurso público son a vía máis habitual para financiar os medios dende a Xunta. Tal e como advertiu o Consello de Contas, pouco máis do 10% das achegas se asignan "mediante convocatoria pública en réxime de concorrencia competitiva". Isto prodúcese, ademais, nun contexto no que hai xa catro anos que o PP, no programa electoral co que concorreu á Xunta, prometeu dota de "soporte legal" a "política de axudas aos medios de comunicación", como "sucede na maioría dos países europeos". Isto, segundo prometeu o propio Feijóo, íase traducir nunha Lei de Publicidade Institucional que, como antes fixera o bipartito, esqueceu na súa primeira lexislatura e que, polo momento, non retomou.

Publicado por Praza Pública