Mércores, 16 Oct. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Deportes O Club Ciclista Rías Baixas vai polo título galego no Ézaro

O Club Ciclista Rías Baixas vai polo título galego no Ézaro

Correo-e Imprimir PDF
rias4

Este domingo o trono do ciclismo autonómico poñerase en xogo nas brutais rampas do Mirador de Ézaro. A unha das citas máis importantes da tempada, o Club Ciclista Rías Baixas acude con todo o seu arsenal de corredores da terra. O conxunto que dirixe Marcos Serrano será un dos máis representados na liña de saída e aspira a proclamarse por primeira vez Campión de Galicia de Fondo en Carreteira.


A entidade miñorana conta con opcións de vitoria nas dúas categorías que se disputan. Aser Estévez, Gustavo Rodríguez e Diego Álvarez son as bazas para a clasificación Élite. Mentres que en Sub 23, a nómina alcanza a decena de corredores: Alejandro Santos, David Amado, Cristian Mota, Samuel Rodríguez, Anxo Lorenzo, Kevin Gómez, David Pérez, Adrián Valverde, Adrián Avelleira e Xoel Dias.

Camariñas será o punto de partida do percorrido de 118 quilómetros, ideal para escaladores puros. Tres portos de montaña e un sinfín de repechos exercerán de aperitivo da espectacular ascensión que o ciclismo mundial descubriu na Volta a España do 2012. Nos seus dous quilómetros de lonxitude, a subida ao Mirador de Ézaro presenta unha pendente media do 14%, con tramos que superan o 25%.

Para un proxecto como o do Club Ciclista Rías Baixas, que prioriza o traballo cos corredores galegos, a ilusión ante leste reto é máxima. A tempada pasada o equipo do Val Miñor xa se quedou moi preto do título autonómico co terceiro posto logrado por Jacobo Ucha en Baiona. Entón, os ganadores foron Daniel López (Caixa Rural), en Sub 23, e José Luís Mariño (Supermercados Froiz), en Élite.