Sábado, 18 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura Acaba de saír do prelo o libro "Poemas da Mariña" do escritor Miguel Anxo Mouriño.

Acaba de saír do prelo o libro "Poemas da Mariña" do escritor Miguel Anxo Mouriño.

Correo-e Imprimir PDF
4701-131258-a-Capa

A obra está dedicada  ás vivencias previas e posteriores ao nacemento da súa neta. Dadas as dificultades que atopou para editalo baixo un selo editorial, decidiu facelo como libro de autor. O mesmo pode ser adquirido na sede do Instituto de Estidps Miñoranos, na libraría Libraida de Gondomar ou na libraría Seijas de Pontevedra.  Tamén con motivo do lanzamento da obra, o escritor  creou un blog co xeito de achegar información e dialogar cos lectores sobre os textos.

Poemas da Mariña, nota do autor

“Hai algún tempo que teño un poemario no que falo dos sentimentos que me suscita a miña neta Mariña adobiado coas miñas reaccións polo feito de ser a primeira neta educada dende o berce en galego. Ante as dificultades dunha publicación ao uso, decidín editalo como libro de autor. Tiven a inestimable colaboración de Fernando Casás que me regalou a ilustración da capa, fotografía de parte dun cadro pintado por el para esta ocasión (pintura sobre tea, 28x25cm), ademais de ocuparse do seu deseño.

O libriño xa saíu á luz e agora busco darlle un pouco de vida, xa que sen lectores ningún libro existe. No apartado "Como adquirir este libro" tedes os datos necesarios para facervos con el.

O contido está dividido en catro partes. Na primeira (Azul intenso) falo da voda da nai: consellos, reflexións, alegría, bos desexos... A segunda (Benvida) está ocupada polos sentimentos e esperanzas suscitados polo seu nacemento. Ocupa a terceira parte (Un ano mariñán) unha homenaxe polo seu primeiro aniversario. E, por fin, a cuarta (O Anxo da nosa agarda), un só poema, recolle a benvida ao seu irmán aínda no seo materno.

E xa abonda como presentación. Irei deixando caer por aquí algunhas reflexións que se me ocorran centradas neste poemario. Deixo, como mostra, un poema da primeira parte”:

Florecerá

seguro

para dar unha flor de camariña

que ince na ribeira

na que tanto me teño sementado,

a que agacha as arelas

vellas e desgastadas

deste meu desvarío esnaquizado

nos farallóns

cortantes

da inhóspita ribeira que me toca habitar

no naufraxio anacrónico

que nos arrastra cara á nada,

cara ao non ser,

cara a un misterio gris, extravagante.

Florecerá

na converxencia fértil

dunha franxa de ceo e de esperanza

que racha decidida

a inmensa intensidade branca

das nubes que nos cobren.

Florecerá,

seguro,

femia ou varón, mais camariña sempre.