Sábado, 18 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura O festival PortAmérica adianta todos os detalles do evento que chega un ano máis a Nigrán.

O festival PortAmérica adianta todos os detalles do evento que chega un ano máis a Nigrán.

Correo-e Imprimir PDF
portamerica

-O festival que se celebrará os próximos días 17, 18 e 19 de xullo en Porto do Molle suma nomes como Vetusta Morla ou Love of Lesbian ao cartel da súa terceira edición.

-En 2013, xerou máis de 500 empregos directos e indirectos, ademais de contratar a 18 desempregados de Nigrán a través da bolsa de emprego municipal, lembra o alcalde Alberto Valverde.

-Os máis de 19.000 visitantes que rexistrou en 2013 sitúano como un dos eventos con maior transcendencia para a actividade económica local, dinamizando a hostalaría, a restauración e o comercio de Nigrán, sinalan dende a alcaldía.

A terceira edición de PortAmérica Rías Baixas presentouse hoxe en Pontevedra, desvelando os nomes dos grupos e artistas que configuran o cartel definitivo do festival, entre os que figuran 2ManyDjs, Vetusta Morla, Love of Lesbian, The Jayhawks, Villanueva, Carlos Méndez e Belöp.

 PortAmérica Rías Baixas é desde agora a nova denominación do festival, que nas dúas últimas edicións congregou a miles de persoas en Nigrán, e co que Esmerarte pretende “vincular o certame a un territorio” e contribuír á difusión e consolidación da marca turística Rías Baixas.

“Só o pasado ano, 19.000 persoas desprazáronse a Nigrán con motivo do festival, o que fan de PortAmérica Rías Baixas un dos eventos máis transcendentes para a economía local, ao dinamizar a hostalaría, a restauración e o comercio do municipio”, sinalou o rexedor municipal, Alberto Valverde na rolda de prensa celebrada hoxe, na que tamén participaron o director de PortAmérica, Joaquín Martínez (Kin) e a deputada Ana Isabel Vázquez Reboredo.

Valverde subliñou ademais a importancia do festival desde un punto de vista do emprego. “Na súa segunda edición, PortAmérica xerou máis de 500 postos directos e indirectos, ademais das 18 persoas desempregadas que a organización contratou a través da bolsa de emprego municipal”, observou, “iniciativa que tamén se porá en marcha este ano”.

A traxectoria e o crecemento de PortAmérica Rías Baixas sitúano ademais como evento de referencia deste verán, que na súa terceira edición quere converterse en punto de encontro das Rías Baixas, “proxectando a nivel nacional e internacional a imaxe do noso municipio”, engadiu Valverde.

Programación musical

Aos nomes xa coñecidos que se barallaron até a data, entre os que destacan Ivan Ferreiro e Andrés Calamaro, súmanse as confirmacións anunciadas hoxe, de 2ManyDjs, Vetusta Morla, Love of Lesbian, The Jayhawks, Villanueva, Carlos Méndez e Belöp. Ademais, a organización revelou en que consistirá o concerto de Iván Ferreiro, que será unha homenaxe a Golpes Bajos.

Mini-vacacións

Un ano máis, e co fin de ofrecer a posibilidade de gozar dunhas mini-vacacións en Nigrán, habilitarase unha zona de acampada na contorna do festival, que estará operativa entre os días 16 e 20 de xullo por 20 euros, gastos incluídos. Así mesmo, a organización avanzou que o prezo dos abonos se manterá en 45 euros máis gastos de distribución só ata que se esgoten as próximas 2.000 unidades, e o prezo da entrada diaria, xa á venda, sitúase en 25 euros máis gastos de distribución.

Gastronomía

A gastronomía galega, e das Rías Baixas, tamén será un ano máis unha das grandes protagonistas do festival. Este ano acompañarán á nosa Estrela Michelin varios cociñeiros internacionais, cuxos nomes se desvelasen nos próximos días.