Xoves, 2 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura Do cero e o infinito

Do cero e o infinito

Correo-e Imprimir PDF
obra-recente-carlos-barros

Un dos moitos argumentos recorrentes da modernidade é o abandono case total, de parte das artes plásticas, dunha idea de narración, asociada, quizais dun xeito inxenuo, a unha perspectiva fixa e homoxénea. A fotografía do século XIX, coas súas pretensións de verdade, invadiu o territorio da representación, e a pintura, orfa, algo estrañada, e aparentemente inútil, deu en emigrar alén dos seus límites tradicionais, espallándose fora do marco do cadro, na procura doutros espazos nos que se desenvolver. Desde entón, e malia os fecundos roteiros que se derivaron desa aventura adolescente, a pintura semella vivir cunha morte sempre anunciada, pendurada nun denso limbo de sospeita.  

Abofé que non é doado ser artista neste pais. Hai exemplos dabondo. Artista no sentido de configurar un pensamento na mesma obra, de evolucionar con el, con ela. Aceptamos como norma universal que os artistas compitan contra si mesmos, si, mais aquí, ademais, sofren o desinterese, as cambadelas e o desprezo, fornecendo ese burato secular no ozono da autoestima, que é berce natural da mellor poesía galega, plástica e literaria. Ai temos, a modo de exemplo, o calvario actual do legado vigués de Maside, percorrendo, desde hai meses, estradas, institucións e almacéns, sen atopar acougo. Aquí valórase ao artista iluminado, salvaxe seica, como se a arte fora máis froito dunha tolemia estraña e repentina que dun xogo experimental e conceptual, meditado e desenvolvido no tempo. Pois ser artista, de verdade, supón medrar intelectualmente e ser ambicioso no pensamento, ollar de fronte ao mundo, confrontar o global e o local, pensar a identidade, e mesmo tentar formalizala, integrándoa como variable imprescindible no artellamento da singularidade.  

Estes son algúns dos moitos atrancos sobre os que Xosé Carlos Barros (Vigo, 1962) deu en artellar unha traxectoria artística e vital de trinta anos. Un camiño irregular, cheo de dúbidas, altibaixos e digresións. Desde fora non é doado entender eses esforzos, eses traballos que non garanten os resultados apetecidos nin levan a ningunha parte, a mesma procura dun pensamento que acolle infinitas variables. Claro que o gran problema é xa decidir que artista queres ser, de que desexas falar, e como materializas todas esas cuestións. Hai que pensar que elementos da realidade vas escoller, que ingredientes precisas para dar forma ao discurso e como os mesturas e sintetizas nun conxunto coherente, nunha experiencia dos sentidos.

O certo é que, na medida que afondamos na sustancia ética, toda obra semella debuxada cos trazos da obsesión, a mágoa, a rebeldía vital, a inseguridade e o conflito. Material artístico segundo os paradigmas románticos, que, na súa dinámica especulativa, experimental, adoita manter como común denominador o aura do perpetuo fracaso, amosando o soño dun Sísifo perplexo e impotente. Así, a pintura, quer sólido saco de boxeo, quer delicado espello provisional, asemella un instrumento axeitado co que trazar e seguir o propio pensamento, de configuralo e preservalo. Se cadra, a supervivencia da pintura reside na súa condición ambigua, na posibilidade real de acoller e confrontar propostas multidimensionais e fronteirizas, na doada proximidade da súa práctica e no barato e democrático dos seus infinitos procedementos e usos.

Todo isto, mais ou menos visible, está presente na mostra que Carlos Barros expón en Gondomar. Nela atopamos once pequenos tentos, balbucidos seica, que pescudan nas brechas dese territorio difuso, poroso e aberto, que sucede entre a pintura e o obxecto, entre o referente e a réplica, entre o xogo e o cabreo, entre o universal e o particular. Compre achegarse a eles. Paga a pena. Son once poderosas razóns polas que a pintura, tantas veces asasinada, non acaba por morrer.  

 Xosé Carlos Barros

Obra recente

Do 24 de maio ao 28 de xuño

Aula de Cultura Ponte de Rosas. Gondomar