Sábado, 4 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura O curso en Gondomar da Universidad Internacional Menéndez Pelayo abordará a nova realidade do rural galego.

O curso en Gondomar da Universidad Internacional Menéndez Pelayo abordará a nova realidade do rural galego.

Correo-e Imprimir PDF
ferro-meixome

-A conferencia inaugural estará a cargo de Xosé Luis Barreiro Rivas, Director da UIMP en Galicia.

- Urbanistas, historiadores, sociólogos, antropólogos e alcaldes integrarán as diversas palestras e mesas redondas do curso.

Eladio Ferro, Director do curso e Carlos Méixome, Director do IEM, presentaron este venres na Aula de Cultura Ponte de Rosas os contidos do Curso da Universidad Menéndez Pelayo "Dende o badal ao clic. A construción das novas sociedades rurais galegas". O mesmo desenvolverase os días 6, 7 e 8 de setembro na sede do Instituto de Estudos Miñoranos e conta coa colaboración dos Concellos de Gondomar, Baiona e Tomiño.

Na presentación, Eladio Ferro destacou a importancia de debater nun ámbito académico a nova realidade na que se enfronta o rural galego. Nomeadamente, os cambios demográficos, económicos e culturais que a través da irrupción da sociedade global e o avance da culturas urbanas están a modificar nos últimos anos a paisaxe das nosas aldeas.

Pola súa banda, Carlos Méixome destacou a importancia de contar novamente coa confianza da UIMP para desenvolver uns dos seus curso na bisbarra do Val Miñor. Nese senso, informou que dende o 2009 cando tivera lugar o primeiro destes cursos no IEM, analizaran con Xosé Luis Barreiro a posibilidade de traballar nesta temática, feito que se concretará no vindeiro mes de setembro.

Xosé Luis Barreiro Rivas dará a conferencia inaugural que terá como título "A socialización do mundo rural ata o século XX: fundamentos, procesos e crises". A mesma terá lugar o día 6 de setembro ás 17:30 horas na Aula de Cultura Ponte de Rosas (sede do IEM), na Avda. da Feira Nº 10, baixo, Gondomar. Ese mesmo día, Marical Gondar Portosany (profesor da USC), desenvolverá o coloquio "A incorporación dos novos urbanitas ao medio rural. Cambios sociais e participacións nas estruturas rurais". Finalmente, o arquitecto Antonio Soliño Troncoso (IEM) dirixirá unha visita guiada aos Pazos de Gondomar e Vilares.

O venres 7 de setembro, os profesores da USC Gerardo Menaut e Ofelia Rey Castelao traballarán sobre a temática "A organización territorial no rural. Evolución histórico-social, política e administrativa". A continuación terá lugar a mesa redonda "A formación e transformación do sistema de hábitat rural integrado polos especialistas Manuel Caamaño Suárez, Carlos Varela García, Teresa Táboas e Daniel Pino Vicente, co arquitecto Vicente Pintos Santiago como moderador. Por último o arqueólogo Xosé Lois Vilar (IEM) dirixirá unha visita guiada ao casco histórico de Baiona.

Finalmente o sábado 8 de setembro, terá lugar o coloquio "A toponimia no rural. Transformación ou substitución, a cargo de Gonzalo Navaza Blanco (U de Vigo) e posteriormente a mesa redonda "O Municipalismo nas novas sociedades rurais e periurbanas. Accións de futuro". Na mesma participarán os alcalde de Lugo, Lalín e Pontevedra, co profesor Xilberte Manso de la Torre (IEM), como moderador. O curso rematará coa entrega de diplomas aos asistentes na Aula de Cultura Ponte de Rosas.