Xoves, 2 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura Manuel Rivas prologa a edición en galego de “Indígnate!”, de Stéphane Hessel

Manuel Rivas prologa a edición en galego de “Indígnate!”, de Stéphane Hessel

Correo-e Imprimir PDF
Indgnate_capa

“Indígnate!”, o opúsculo de Stéphane Hessel do que se venderon preto de dous millóns de exemplares en Francia e que vai saír publicado nunha vintena de linguas, poderase ler en galego coa edición que está a ultimar o selo editorial FAKTORÍA K para que estea no mercado nos primeiros días de marzo, ao prezo de 5 euros. O escritor Manuel Rivas asina o prólogo desta obra directa, reivindicativa e axitadora cuxo autor, un veterán supervivente da barbarie nazi, se dirixe -aos seus recios 93 anos- á sociedade en xeral, e á mocidade en particular, para que reaccione ante a inxusta realidade social, económica, política e medioambiental. A tradución de “Indígnate!”, a cargo de Fernando Moreiras, complétase coa achega de Marc Taeger no deseño da capa.

Stéphane Hessel (Berlín, 1917) comparte cos lectores a súa intensa experiencia vital: dende a súa nenez en París, en contacto coas vangardas artísticas e ideolóxicas, ata a súa deportación aos campos de concentración alemáns de Buchenwald e Dora pola súa pertenza ao Consello Nacional da Resistencia francesa, pasando pola súa importante contribución á redacción da Declaración Universal dos Dereitos Humanos en 1948 a raíz da súa incorporación ao corpo diplomático. Os seus pensamentos son tamén unha enriquecedora lección de historia contemporánea, filosofía e política, con tintes de literatura e un fondo repouso de rebeldía.

Para Stéphane Hessel sobran os motivos para chamar á indignación colectiva, á desobediencia e á resistencia. Non contribuiu á loita que permitiu acadar tantas conquistas sociais na segunda metade do século pasado, para que todos eses avances se derrubaran dende a década do 2000 en diante. O autor culpa ao poder financeiro de devalar o equilibrio da democracia moderna, con todos os seus valores e principios, provocando unha crise no mantemento do estado do benestar, a desconfianza na independencia da prensa, unha crecente fenda entre os máis podentes e os máis necesitados, e os dramas humanos derivados dos conflictos internacionais.

Fronte ao egoísmo e a competitividade, Hessel entrégalles aos lectores as bandeiras da liberdade e do compromiso. As súas palabras cargadas de esperanza e de insurrección pacífica, son o antídoto contra a indiferenza. FAKTORÍA K únese a esta mensaxe coa publicación de “Indígnate!” para inaugurar a colección Ágora, na que se van ir incorporando obras clásicas e de pensadores actuais para axudar a entender o mundo de forma crítica.