Martes, 7 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura Instalación A-MAR de Lula Goce na Aula de Cultura Ponte de Rosas.

Instalación A-MAR de Lula Goce na Aula de Cultura Ponte de Rosas.

Correo-e Imprimir PDF
A-MAR instalación de Lula Goce na Aula de Cultura Ponte de Rosas. Aberto de luns a venres de 19 a 21 horas dende o 14 de febreiro ao 10 de marzo.

Sorprenderá a moitos a obra que a baionesa Lula Goce presentou o pasado venres 11 de febreiro na Aula de Cultura Ponte de Rosas. Ata de agora non formaba parte da nómina de artistas vinculados ao Val Miñor, dos que, de lonxe ou de preto, sabemos, coñecemos, ou situamos. Tampouco é doado atopar o seu nome nas listas de artistas ou exposicións do país, esperamos que por pouco tempo. A razón deste descoñecemento é que Lula pasou case un terzo da súa vida fora da nosa terra, en Salamanca primeiro, e en Barcelona despois, onde trazou as coordenadas básicas da súa obra. Pero, e isto é o mais importante, sorprenderá pola amplitude e riqueza do seu traballo, de claras connotacións poéticas e conceptuais, pola liberdade e sutileza que mostra nos visibles cambios de rexistro e a desprexuizada disposición de todos os procedementos, recursos e linguaxes que necesita para falar do que quere dicir.

Porque, na súa obra, hai coherencia e continuidade. Existen temas, preocupacións, denominadores comúns. Mellor dito, hai un só denominador común: un eu que se abre, que explora, que se interroga, que rexistra. Un eu que se pregunta polo corpo, pola identidade, polo entorno. Isto leva á inqueda Lula Goce a procurar corredoiras e pontes co pensamento ou a poesía, confrontando estes vínculos consigo mesma e co espazo que ocupa para proxectar e construír as súas propias mitoloxías.

Porque todo o que é motivo de curiosidade, tamén o é de rexistro. Un rexistro que axuda a tomar distancia, a estudarse desde fora, a comprender a realidade desde a experiencia do corpo autónomo e consciente. Un rexistro que Lula nos ofrece baixo a forma de escritas poéticas, de vídeo-creación, nas mesmas instalacións, e por suposto, nos seus debuxos de pequeno e grande formato. Se o debuxo é pensamento plástico, síntese de opostos, sempre conformado pola dialéctica entre o inmediato e a reflexión, os de Lula Goce móstranse rigorosamente introspectivos, sustentados no branco e negro e na negación da cor, limpamente baseados na liña e afastados de todo axexo ou tentación expresionista. Un debuxo preciso e analítico que podemos asociar sen esforzo coa expresión técnico-científica da bioloxía, un estudo pormenorizado das estruturas básicas do corpo humano e dos seus contextos cotiáns, análise continua dunha psique sempre escorregadiza.

Volveu Lula Goce con esta instalación que sabe a sal, a peixe e a ledicia. Regresou á que é a súa casa atlántica, á mar que é o seu mar. Chegou e aquí está connosco. Benvida a casa.

 

A-MAR instalación de Lula Goce na Aula de Cultura Ponte de Rosas. Aberto de luns a venres de 19 a 21 horas dende o 14 de febreiro ao 10 de marzo.