Luns, 29 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura Tanxarina chega a Gondomar con “Ah, ah, ah, Estamos Monstros de Risa”

Tanxarina chega a Gondomar con “Ah, ah, ah, Estamos Monstros de Risa”

Correo-e Imprimir PDF
tanxarina_monstros_de_risa

“Ah, ah, ah, Estamos Monstros de Risa” é o nome do espectáculo que Tanxarina Teatro presentará en Gondomar mañá mércores, dentro da programación especial de Nadal da Concellería de Cultura. A obra, escrita e dirixida por Cándido Pazó, dará comezo ás 18.00 horas. O prezo das entradas é de 2.5 euros, e venderanse desde unha hora antes na taquilla do Auditorio. A obra realízase en colaboración coa Agadic, a Axencia Galega das Industrias Culturais.

 

“Monstros de Risa” é unha parodia cómica das historias e os clixés do terror. Aproveitando a ausencia do profesor Frankestein, Igor, o seu axudante, decide montar unha barraca de feiras co monstro que o seu amo estuda no laboratorio: Drácula. O regreso inesperado do profesor transforma o espectáculo creado por Igor nun ir e vir de situacións cómicas en que se mostran as personalidades destes dous entrañables persoaxes, acompañados polas extraordinarias criaturas obxecto de estudo do profesor, que amosarán ao longo da representación as súas incribles habilidades.

A compañía Tanxarina Títeres foi fundada no ano 1983 por varios ex-alumnos de Harry Tozer, profesor de construción e manipulación de marionetas de fíos do Institut del Teatre de Barcelona, e tamén outros profesionais galegos do teatro infantil e xuvenil. Dende entón, converteuse nunha das formacións máis recoñecidas e prestixiosas do teatro de monicreques galego, tanto dentro como fóra de Galicia, a súa presenza é habitual nos numerosos festivais de teatro que se convocan non só en España e Portugal, senón tamén en Europa e América.