Trátase do proxecto Galauda unha iniciativa posta en marcha en 1999, ao que está previsto se una no vindeiro curso o IES Escolas Proval de Nigrán, tamén na comarca de Vigo. A conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, e a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, recibiron este martes a un grupo de 64 alumnos cataláns -algúns deles descendentes de galegos- no marco deste proxecto en que tamén colabora Vicepresidencia.
Na actualidade, uns 150 alumnos de media ducia de institutos cataláns aprenden a lingua de Galiza dentro da oferta educativa deses centros.
"Unha lingua sen falantes morre"
Durante o acto de recepción, a coordinadora do proxecto, Sabela Labraña, repasou os problemas que para difundir e usar tanto o galego como o catalán houbo na historia, e subliñou que "unha lingua que non ten falantes acaba morrendo".
"De que depende a vida das linguas?", preguntou a coordinadora, que contestou seguidamente "da xente que as fala". Ademais, considerou que "agora hai a oportunidade de que todas as linguas sexan iguais e que o galego e catalán sexan linguas normais".